O treito entre Trasouto e Alto da Portela na PO-551 estrea a súa senda peonil e ciclista
Por Redacción
A senda peonil e ciclista de case dous quilómetros de lonxitude no treito Trasouto-Alto da Portela da estrada autonómica PO-551, ao seu paso polo Concello de Bueu, xa está habilitada e pode ser utilizada por todos os usuarios.
Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Bueu, Félix Juncal, e polo xefe territorial de Infraestruturas, José Luis Díez, achegouse ata a zona para supervisar esta actuación para o fomento da mobilidade sostible.
A nova senda da PO-551, na que se investiron 645.000 euros, é de uso compartido para ciclistas e peóns e se enmarca no Plan de Sendas da Comarca do Morrazo. Ten unha lonxitude de 1.835 metros e discorre entre os puntos quilométricos 12+605 e 14+400.
As solucións adoptadas varían segundo as características do terreo e centráronse na creación dunha senda de entre 1,80 e 2,50 metros de anchura nas zonas de maior amplitude ou a formación dun paseo cun mínimo de 1,50 metros nos lugares cunha beiravía preexistente.
En todo caso, e para dotar á infraestrutura de maior seguridade, procedeuse á construción dun bordo de formigón elevado para separar a senda da calzada.
A actuación complementouse coa ampliación do firme en determinados puntos, a conformación de sistemas de drenaxe e reposición de servizos, o desprazamento da sinalización vertical e a reposición da horizontal e o acondicionamento das zonas de aparcadoiro e paradas de autobús.