A Deputación investiu no Morrazo máis de 48 millóns de euros nos últimos 6 anos
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo balance este luns das actuacións levadas a cabo na comarca do Morrazo por parte da administración provincial con máis de 48,3 millóns de euros investidos durante o últimos seis anos "son o maior investimento realizado nunca por unha administración nesta comarca".
Nun almorzo informativo, Carmela Silva, detallou que nestes seis anos Marín recibiu 9,5 millóns de euros; Cangas, 12 millóns; Moaña, 9,8 millóns; Bueu, 10,6 millóns e Vilaboa, 6,4 millóns de euros.
A presidenta recalcou que "practicamente todo" o que fixeron estes cinco concellos foi con subvencións da Deputación e puxo especialmente en valor o carácter "regrado e obxectivo" das achegas provinciais fronte á Xunta "que asina convenios só cos concellos nos que goberna"
Carmela Silva indicou que máis de 10 millóns de euros en 2022 só co Plan Concellos e Plan ReacPon.
Nestes 6 anos do goberno PSOE – BNG na Deputación a comarca do Morrazo recibiu máis de 26,6 millóns de euros do Plan Concellos que permitiron sacar adiante 204 obras, 53 actividades socioculturais e crear 697 empregos para persoas paradas durante un período máximo dun ano. Ademais, os plans extraordinarios traducíronse en grandes obras no Morrazo.
O investimento da Deputación nas estradas provinciais alcanzou os 6,5 millóns de euros, un "inxente esforzo económico" para as 31 obras xa finalizadas ou en execución.
Silva tamén se referiu á área de Igualdade que ten un balance de 140 subvencións por importe de 235.263 euros tanto aos municipios como as distintas asociacións, co foco posto na violencia de xénero.
Carmela Silva mostrouse especialmente orgullosa do investimento en Deportes, un apoio que se sustenta exclusivamente en fondos propios. Segundo explicou, máis de 1,8 millóns de euros permitiron subvencionar os 98 clubs e 36 deportistas individuais, o mantemento das 22 escolas deportivas do Morrazo e a celebración de 107 actividades ou competicións deportivas celebradas na comarca.
A Deputación foi, finalmente, a canle que permitiu a chegada de preto de 900.000 euros de fondos europeos ás arcas municipais dos concellos do Morrazo.
Relacionadas:
-
Vilaboa asina o convenio coa Deputación para ampliar a Casa do Concello e renovar a súa contorna
Por Oskar Viéitez |
-
Unha senda peonil mellorará o acceso á praia de Aguete
Por Redacción |
-
Case doce millóns investirá a Deputación en 2022 nos concellos da área de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |