Continúa a recuperación da Ruta do Lérez coa rehabilitación da ponte medieval de Parada de Cerdedo
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de rematar o proceso de limpeza e conservación da ponte de Parada de Cerdedo, unha actuación que forma parte do proxecto de limpeza, conservación e rehabilitación das pontes de Pedre-Serrapio, Fentáns e Parada de Cerdedo, que servirán de base para a recuperación da Ruta do Lérez.
Neste proxecto, o Concello de Cerdedo-Cotobade inviste uns 46.000 euros co fin de protexer o enorme patrimonio arquitectónico e etnográfico que supoñen estes antigos viadutos que conforman gran parte do legado histórico, cultural e turístico que posúe o municipio.
Os traballos da ponte de Parada foron executados pola empresa Ecogarden Galicia, que foi a adxudicataria do concurso público realizado para contratar a realización dos labores de limpeza e conservación das tres pontes.
As actuacións consistiron en labores de limpeza e roza de accesos así como dos lugares afectados pola presenza de vexetación invasiva que, en moitos casos, provocaban accións de desgaste e poñían en perigo a propia estabilidade do viaduto.
Tamén se fixeron labores de consolidación e recolocación de pedras que se atopan movidas ou en estado de perigo de derribarse coa intención de garantir a seguridade da propia construción así como a súa conservación para que siga prestando as funcións para as que foi erguida hai centos de anos aínda que con aproveitamentos máis acordes coa promoción de rutas de sendeirismo e peonís, rutas turísticas ou lugares de acceso veciñal, como en tempos pasados.
Esta ponte conta cunhas características construtivas que sitúan a súa edificación na Baixa Idade Media, seguramente arredor do século XIV, con reconstrucións posteriores.
O alcalde, Jorge Cubela, sinala que as tres pontes constituirán un forte polo de atractivo turístico onde a natureza e o patrimonio históricos son reclamos máis que suficientes para as persoas que queren realizar un encontro co medio nos seus momentos de lecer teña en Cerdedo-Cotobade un punto de referencia.