Antonio Blanco Freijeiro xa é fillo predilecto de Marín
Por Redacción
Desde este sábado o historiador e arqueólogo Antonio Blanco Freijeiro xa é fillo predilecto de Marín. A corporación municipal, nunha sesión de honra, recoñeceu con este homenaxe a unha figura clave entre os intelectuais galegos e que sempre mantivo unha fonda relación coa vila.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, foi a encargada de entregarlle á familia de Blanco Freijeiro, representada neste acto polo seu sobriño Gonzalo Sancho, o diploma que acredita ao historiador, nado en Marín en 1923 e que faleceu en 1991 aos 67 anos, como fillo predilecto.
Na súa intervención, Sancho destacou a "grande honra" que supón para a familia este recoñecemento e a "fonda emoción" por poder "seguir recollendo os froitos das árbores do saber que sementou con tanto cariño e dedicación".
Ademais, deu lectura á carta de agradecemento remitida pola filla de Antonio Blanco Freijeiro, Mercedes, que por motivos laborais non puido asistir a esta homenaxe, na que destacou a súa figura como historiador, arqueólogo e profesor e o "profundo afecto" que sentía por Marín.
O nomeamento de Blanco Freijeiro foi unha proposta do presidente da Asociación Reencontros coa Historia de Marín, Ángel García Carragal.
A todos os presentes, o Concello entregoulles unha pequena escolma ilustrada de traballos do homenaxeado sobre Marín e proxectouse un vídeo no que os seus discípulos falan da súa figura e da súa traxectoria, gravado durante a última edición das Xornadas Blanco Freijeiro.