Pontevedra di "non" ao actual modelo eólico de Galicia
Unhas duascentas persoas concentráronse este sábado na Praza da Peregrina para mostrar o seu rexeitamento ao actual modelo eólico de Galicia, ao entender os convocadores, que despoxan os montes galegos de todo o seu valor ambiental, socioeconómico e paisaxístico.
Foi unha mobilización convocada en toda Galicia pola coordinadora Eólica Así Non, que en Pontevedra impulsaron colectivos como a Asociación Pola Defensa da Ría, Adega, a Federación Ecoloxista Galega ou a plataforma veciñal que rexeita o parque eólico do monte Castrove.
Os máis de 300 proxectos de enerxía eólica que se atopan actualmente en tramitación no país, segundo estas asociacións, terían un impacto "singular e irreparable" nas montañas de Galicia, poñendo en risco a supervivencia do rural galego e o equilibrio ecolóxico do país.
Estes "megaproxectos eólicos", denunciaron os manifestantes, ameaza unha rede de montañas que abastece a Galicia da meirande parte da demanda de auga e alimentos e que está conformada por "verdadeiros santuarios de biodiversidade".
"A actual vaga eólica estaría poñendo nun risco extremo a preservación duns ecosistemas que son fundamentais para a vida", sinalaron na concentración, alertando que os montes son "fogar e medio de vida" dunha boa parte da poboación galega que está "indefensa" ante o asoballamento das empresas "especuladoras da enerxía" coa conivencia das administracións.
O manifesto da coordinadora Eólica Así Non, que se leu ao remate da concentración, reclama que se paralicen todos os proxectos eólicos que están en tramitación, tanto na Xunta como no Estado e que se derrogue o "desfasado" Plan Sectorial Eólico de Galicia.
Optan porque se deseñe de forma "participada" outra planificación eólica "máis xusta coa sociedade galega, o noso rural e a contorna ambiental" para evitar que se deixe "nas mans do oligopolio eléctrico o futuro do noso territorio ".
Os colectivos e entidades que conforman esta plataforma matizan que están a favor das enerxías renovables, que ven "necesarias para afrontar o reto climático", pero rexeitan "de raíz" o actual modelo enerxético baseado no sector eólico.
ANDAINA REIVINDICATIVA NO MORRAZO
Ademais desta concentración en Pontevedra, dentro das accións de protesta convocadas pola coordinadora houbo unha andaina reivindicativa contra o macroproxecto eólico deseñado nos montes de Marín, Bueu e Moaña, que afectaría ao Monte Xaxán e o Monte San Lourenzo.
De saír adiante, alertan os afectados, as zonas altas do Morrazo "quedarán á sombra destes xigantes, cos prexuízos ambientais sobre as augas, para a saúde, para o benestar e tranquilidade que supón vivir nas proximidades dun parque eólico".
Relacionadas:
-
A Plataforma pola Defensa do Monte Castrove, na marcha polo Día do Medio Ambiente en Compostela
Por Redacción |
-
Conceden autorización administrativa previa ao parque eólico do monte Acibal
Por Redacción |
-
Luz verde plenaria á defensa dos montes do Morrazo fronte á opción dun proxecto eólico na comarca
Por Redacción |
-
Marín mostra o seu rexeitamento á instalación dun parque eólico nos montes de Xaxán e San Lourenzo
Por Redacción |
-
E chegou o peche masivo de oficinas bancarias. Acabouse a atención humana
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta promete a máxima cooperación cos concellos "para garantir un desenvolvemento eólico ordenado e sustentable"
Por Redacción |
-
Movementos para executar un proxecto eólico no Morrazo pon en alerta ao Concello e aos comuneiros de Marín
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade súmase á xornada de protesta convocada en Galicia pola Coordinadora Eólica Así Non
Por Redacción |
-
Convocan unha protesta en Pontevedra contra o proxecto de parque eólico no Castrove
Por Redacción |
-
Mobilización "fronte a actual invasión eólica" no Día das Montañas
Por Oskar Viéitez |