Ponte Caldelas reactiva o servizo de entrega a domicilio de alimentos ou medicamentos
Por Redacción
Ante o incremento de positivos por covid-19 no municipio, ata 36 no día de hoxe, o goberno municipal de Ponte Caldelas decidiu reactivar o servizo de entrega a domicilio de alimentos, medicamentos, partes de baixa ou incluso libros da biblioteca municipal.
O alcalde, Andrés Díaz, explica que o Concello "quere coidar dos veciños que están en corentena", xa sexa porque son positivos ou porque estiveron en contacto cunha persoa infectada. "Poden contar comigo para o que precisen", engade.
"Estou á súa disposición para todo o que necesiten: para facerlles a compra, ir á farmacia a por medicamentos, recoller os partes de baixa no centro de saúde ou incluso levarlles libros da biblioteca municipal se queren estar entretidos durante estes días", sinala o rexedor.
Todas as persoas veciñas de Ponte Caldelas que queiran empregar calquera destes servizos poden solicitalo falando coa concelleira Leticia Rocha, que os atende no 986 75 00 13 extensión 2 ou a través das redes sociais.
Díaz iniciou na primeira vaga da covid-19, en pleno confinamento, o reparto a domicilio de alimentos e medicamentos ás persoas máis vulnerables como maiores ou enfermos crónicos.
Tamén se encargaron do reparto e recollida de deberes ós rapaces dos dous colexios e do instituto, ou da entrega dos libros de texto, entre outras moitas cuestións.