Piden doce anos de cárcere por abuso para un home que embarazou unha nena de 14 anos
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra sinalou para o vindeiro xoves 16 de decembro un xuízo por un delito continuado de abuso sexual a unha menor de 14 anos, polo que a Fiscalía pide unha condena de doce anos de prisión para o acusado.
Segundo relata a Fiscalía, o acusado é unha persoa maior de idade de nacionalidade venezolana, que cando tiña 26 anos de idade empezou a citarse coa menor coa que mantivo relacións sexuais completas durante catro meses "a sabendas de que era menor de dezaseis anos".
A nena chegou a quedar embarazada, xa que segundo o fiscal os abusos producíronse sen ningún tipo de protección. O embarazo foi interrompido voluntariamente.
En novembro de 2020 o xulgado acordou a prisión provisional comunicada e sen fianza deste individuo e adoptouse unha orde de protección a favor da menor pola que se impuxo a este home a prohibición de comunicarse con ela. En xuño de 2021 acordouse a liberdade provisoria do acusado, con mantemento das medidas de afastamento e prohibición de comunicación.
Ademais de solicitar unha condena de doce anos de prisión, o Ministerio Público pide ao tribunal que impoña ao acusado por un período de dez anos a prohibición de comunicación por calquera medio ou método, e de aproximación respecto a a nena o seu domicilio ou calquera lugar onde se atope nun radio de 200 metros.
Tamén pide a medida de liberdade vixiada, que se executará con posterioridade á pena privativa de liberdade, aínda que a Fiscalía entende que esta pena pode ser substituída pola expulsión do territorio nacional nun prazo de 10 anos, contados desde a data da súa expulsión.
En concepto de responsabilidade civil a Fiscalía considera que o acusado deberá indemnizar á nena con 4.000 euros polo dano moral causado.