A provincia rexistrou unha ocupación turística superior ao 70% na longa ponte de decembro
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ofreceu os datos "científicos e estatísticos" recompilados polo observatorio de Turismo Rías Baixas, que salientan unha ocupación media "do 70,3% ata o mércores festivo, que sobe por enriba do 80% se vemos a ocupación só ata o luns, polo que seguimos a ser o gran puntal turístico de Galicia".
"En todas as provincias houbo moi bos datos pero ningunha coma a nosa", celebrou a presidenta pontevedresa.
Malia as restricións e malia o mal tempo vivido na provincia estes últimos días, os datos de ocupación turística da longa ponte de decembro foron máis que positivos, unha circunstancia que, segundo sinala a presidenta provincial, "ten que ver co esforzo de promoción desta Deputación, e co traballo do sector privado, ao que lle fago un extraordinario recoñecemento".
Carmela Silva asegurou que "todas as comarcas superaron con creces as expectativas", situándose a comarca de Vigo nun 85%, O Morrazo no 79,7%, O Condado e A Paradanta no 75%, a comarca de Pontevedra no 70%, O Salnés no 65%, O Baixo Miño nun 55%, Deza e Terra de Montes no 55% e a comarca de Caldas no 47%.
En canto aos concellos "a ocupación foi moi boa especialmente nos da comarca de Vigo, que acolleron moitas e moitos turistas atraídos polo tirón da iluminación do Nadal".
Deste xeito, en Vigo cidade a ocupación foi do 97% con picos co 100%, en Baiona do 87% con picos do 95%, en Sanxenxo do 75%, en Pontevedra do 64% e no Grove do 56%.
Os datos de vivendas turísticas, sinalou a presidenta provincial, "son espectaculares". A ocupación media na provincia foi do 82%, pero con plena ocupación do 100% tanto na comarca de Vigo como a de Pontevedra.
Tampouco quedaron atrás os datos do turismo rural, cunha ocupación media do 45,7% na provincia, "moi por enriba do habitual". Nesta modalidade chegouse ao 72% no Morrazo, ao 57,2% na comarca de Vigo, ao 55,7% na comarca de Pontevedra, ao 47,6% no Salnés, ao 47,2% no Baixo Miño, ao 43,9% no Condado e A Paradanta, ao 42,8% na comarca de Caldas e ao 30% en Deza e Terra de Montes.
O Castelo de Soutomaior rexistrou na ponte a visita de máis de 4.200 persoas, informou Carmela Silva.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, malia "toda a cautela", asegurou que, "a non ser que volvamos ter problemas serios”, 2022 será "un ano espectacular e excepcional para o turismo da provincia, no que imos rachar con todos os datos que tivemos ata agora, como o foi este ano, xa que en 2021 mesmo superamos datos de antes da pandemia".