Exemplares de bulldog americano, piccolo lebrel italiano ou komondor exhíbense esta fin de semana en Chan da Barcia
Por Redacción
Chega unha fin de semana no que os amantes dos cans teñen a oportunidade de ver algunhas especies únicas durante a IV Exhibición Nacional e Internacional Canina, que se celebrará no Pavillón de Chan da Barcia.
Este acto, organizado polo Concello de Ponte Caldelas en colaboración con Kennel Club España, poñerá en xogo tres puntos para o KCE por clase: mozos, intermedia, aberta, campións e veteranos; e dous puntos para o Campionato do Club CEBF: especial e monográfica.
Tamén se disputará o Campionato Mediterráneo e a proba CEBF TAN, necesaria para a elección do mellor bulldog francés do ano e para o campionato do Club CEBF.
A exhibición comezará ás 09.30 horas, tanto na xornada do sábado como durante o domingo. O primeiro día celébrase o campionato nacional e no segundo, o internacional. Nesta mostra observaranse exemplares únicos, moi difíciles de atopar na península, como sucede con cans da raza komondor, bulldog americano ou o piccolo lebrel italiano. A estas razas súmanse outros como huskies, yorkshires ou bull terrier alaska, entre outros, coa participación dun cento de exemplares.
Nesta edición tamén se desenvolverá unha exhibición de aves da Unidade de Cetrería da Brilat durante o sábado, entre as 12.00 e as 14.00 horas no exterior da chaira de Chan da Barcia. O domingo 12 está previsto que se celebre tamén unha concentración de vehículos clásicos na Praza de España.