Poñen en valor as pontes de Pedre-Serrapio, Fentáns e Parada
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade está levando a cabo un exhaustivo labor de limpeza, conservación e rehabilitación das pontes de Pedre-Serrapio, Fentáns e Parada de Cerdedo, no que se van a investir uns 46.000 euros, co fin de protexer o enorme patrimonio arquitectónico e etnográfico que supoñen estes antigos viaductos que conforman gran parte do legado histórico, cultural e turístico que posúe o municipio.
Os traballos serán executados pola empresa Ecogarden Galicia, que foi a adxudicataria do concurso público realizado para contratar a realización dos labores de limpeza e conservación das tres pontes.
O alcalde, Jorge Cubela, pretende con esta actuación a recuperación da Ruta das Pontes sobre o Lérez, un novo foco de atracción turística de Cerdedo-Cotobade para os novos tempos que se aveciñan nos que se constata unha presenza continuada de visitantes favorecida pola mobilidade turística en busca de alternativas naturais, sen aglomeracións e ao aire libre.
As actuacións consisten en labores de limpeza e desbroce de accesos así como dos lugares afectados pola presenza de vexetación invasiva que, en moitos casos, provocan accións de desgaste e poñen en perigo a propia estabilidade dos viaductos.
Tamén se farán labores de consolidación e recolocación de pedras que se atopan movidas ou en estado de perigo de desplome coa intención de garantir a seguridade da propia construción.
Segundo manifestou Jorge Cubela "estas actuacións nas pontes contan co apoio unánime da veciñanza" expresada nas distintas asembleas celebradas.