Os cazadores e o Concello suman forzas para preservar as actividades cinexéticas de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade busca sumar forzas coas sociedades de caza, o colectivo federado máis numeroso do municipio, para de preservar e potenciar as actividades cinexéticas e piscícolas. Destinará a esta colaboración 12.800 euros.
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, asinou convenios de colaboración coas Sociedades de Caza e Pesca de Cotobade, que preside Justo Rey, e de Cerdedo, que encabeza José Touriño.
Este acordo de colaboración económica vén como consecuencia do proceso de unificación entre a Sociedade Deportiva de Caza O Coirego e a Sociedade de Caza e Pesca de Cotobade no ano 2019.
Durante a unificación, Jorge Cubela comprometeuse a favorecer esta fusión cun convenio mediante o cal a nova entidade resultante, con 180 socios, recibira unha subvención de 9.000 euros mentras que a de Cerdedo, con 75 membros, obtiña unha axuda de 3.800 euros.
A sinatura non se puido levar a cabo no pasado ano, como estaba previsto, como consecuencia da pandemia, pero agora asínase coa participación do alcalde e os presidentes da nova sociedade fusionada de Cotobade, Justo Rey, e de Cerdedo, José Touriño.
Jorge Cubela salientou a importancia destes dous colectivos que aglutinan ao maior número de veciños e veciñas do municipio federados xa que as dúas sociedades contan con 255 socios e realizan un destacado labor de a prol da conservación da biodiversidade e do ordenamento cinexético dos montes do municipio e do coidado dos cotos de troita.
Estes convenios irán destinados, fundamentalmente, a labores de conservación, coidado e repoboación de especies cinexéticas no municipio.
Tamén potenciarán accións a prol dos pescadores deportivos que teñen nestas sociedades unha ferramenta para promocionar o movemento asociativo deste sector así como para habilitar medidas de conservación e repoboación.
Por outra banda, o alcalde salientou o importante labor que estes colectivos realizan para manter a raia a través de batidas a animais, como os xabarís, que doutro xeito non terían ningún tipo de control. De feito, en moitos lugares, a presenza destes porcos bravos provocan graves desfeitas en hortas e propiedades e se non fora pola actuación das sociedades de caza a súa presenza sería moito máis problemática.