Meaño amplía o vial entre Pedreira, Barreiro e Picón
Por Redacción
As obras de ampliación do vial Pedreira-Barreiro-Picón, na parroquia de Xil, deron comezo estes días co retranqueo dos viñedos, uns traballos que a empresa adxudicataria, COVSA, esperou a que rematara a vendima para executar.
Esta actuación afecta a un total de 52 parcelas que tras retranquear os viñedos afectados ata a liña de ocupación facilitarán un ancho de vía de 8 metros, catro a cada lado do eixo central, mellorando a circulación en ambos sentidos.
Antes da adxudicación dos traballos o Concello negociou cos afectados a cesión dos terreos para acometer estes traballos sobre un vial de 405 metros que se distribúen nun primeiro tramo de 150 que une A Pedreira e a intersección coa área recreativa de O Barreiro, e un segundo de 250 metros máis que discorre entre O Barreiro e Picón.
O proxecto, adxudicado por case 157.000 euros, contempla a construción dos muros de contención unha vez que rematen as obras de retranqueo nas propiedades que o precisen.
En total, prevense 517,30 metros cadrados de muros como suxeición das terras ou soporte do vial, así como as ramplas de acceso que suman outros 283 metros cadrados.