Os socialistas de Pontevedra gañan peso no novo PSdeG liderado por Formoso
Por Alejandro Espiño
Valentín González Formoso xa é, oficialmente, o novo líder do PSdeG-PSOE. Cun apoio do 81,47% dos delegados, a nova dirección do partido foi referendada no congreso nacional que os socialistas galegos celebraron en Santiago de Compostela.
Dentro dos órganos que rexerán os designios do PSOE galego, os socialistas de Pontevedra gañan peso con respecto á executiva que encabezaba ata o de agora o vigués Gonzalo Caballero.
Así, na comisión executiva do partido haberá tres representantes do socialismo pontevedrés.
María Pierres ocupará a secretaría de apoio técnico e será a portavoz do partido, Iván Puentes ostentará a secretaría de estratexia, análise e prospectiva e Rafael Cotelo será o encargado da secretaría de función pública.
En total, dos 46 integrantes, doce serán da provincia de Pontevedra, entre eles Carmela Silva como presidenta do PSdeG e Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía, que coordinará a secretaría de política municipal, da que dependerá a estratexia para as eleccións de 2023.
Pola súa banda, no comité nacional, que é o máximo órgano do PSOE galego entre congresos, haberá outros seis membros da agrupación municipal de Pontevedra: Antón Louro, Patricia Vilán, Yoya Blanco, Juan Carlos Pérez, Manuel Fariña e Manuel Vidal.
O RETO DE GOBERNAR GALICIA
González Formoso, tras a súa confirmación como novo secretario xeral do PSdeG, destacou que asume o liderado da formación en Galicia cun "gran orgullo" pero tamén coa "altísima responsabilidade" de situar de novo ao partido á fronte da Xunta.
Para iso, pediu "esforzo" a todos os militantes do partido para "volver ser útiles" e ser capaces de comprender "que é o que lle importa á cidadanía", para chegar a ser "merecedores" da confianza da maioría dos galegos.
Para conseguir este obxectivo, Formoso avogou por abrir as portas do partido "a todo aquel que se senta progresista e teña ganas de achegar un gran de area" polo futuro do país, xa que todo o que sexa "galeguista, europeísta e progresista" ten no PSdeG "a súa casa".
O congreso nacional do PSdeG clausurouno o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que mostrou a súa confianza en que este cambio de liderado sirva para que do mesmo xeito que hoxe os socialistas “gobernamos España" pronto vaian "volver a gobernar Galicia".
Sánchez considera que o PSOE é o "partido imprescindible" de todos os territorios que conforman o estado español "porque nunca fallamos a España, como estoy convencido de que el PSdeG-PSOE nunca fallará, como nunca ha fallado, a Galicia".
Relacionadas:
-
Regades optará á reelección como secretario provincial do PSOE no congreso que haberá en febreiro
Por Oskar Viéitez |
-
O PSdeG de Formoso 'reármase' con Carmela Silva como presidenta
Por Redacción |
-
Xornada de Primarias para o socialismo pontevedrés
Por Redacción |
-
Valentín Formoso busca apoios en Pontevedra na súa campaña por liderar o PSdeG
Por Redacción & Mónica Patxot |