Trece empresas optan a executar as obras de saneamento en Reboredo
Por Redacción
Un total de trece empresas presentaron as súas ofertas para executar as obras para dotar de servizo de saneamento o núcleo de Reboredo, no concello de Campo Lameiro, unha actuación na que se prevén investir preto de 363.000 euros.
A actuación, que conta cun prazo de execución de catro meses, enmárcase no convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Campo Lameiro para levar o servizo de saneamento a este núcleo.
A Xunta financiará a actuación nun 80% e contratará os traballos necesarios para levar as augas residuais urbanas á estación depuradora existente na Laxe para o seu tratamento.
Pola súa banda, o Concello de Campo Lameiro contribuirá ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asume a tramitación das autorización precisas para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.
O núcleo de Reboredo carece na actualidade de sistema de saneamento municipal adecuado, contando unicamente cunha canalización de augas pluviais de recente implantación.
Os traballos proxectados por Augas de Galicia consisten na construción dunha nova rede con 1.386 metros de lonxitude, formada por seis colectores de saneamento de augas fecais, con tubaxe. Os pozos de rexistro executaranse in situ, con cerco e tapa de fundición.
Con esta actuación darase servizo a unha poboación de 65 habitantes, pensando no horizonte ata o ano 2041.
Relacionadas:
-
Comeza a construción da nova rede de saneamento de Reboredo
Por Redacción |
-
A Xunta licita as obras de saneamento do núcleo de Reboredo, en Campo Lameiro
Por Redacción |
-
Asinado o convenio para dotar de saneamento ao núcleo de Reboredo en Campo Lameiro
Por Redacción |
-
O saneamento para o núcleo de Reboredo, en Campo Lameiro, custará 400.000 euros
Por Redacción |