Estudan en Pontevedra a realidade virtual como ferramenta terapéutica para persoas con Párkinson
Por Redacción
Comprobar se sería factible, seguro e beneficioso empregar xogos de realidade virtual total ou inmersiva como unha ferramenta terapéutica con pacientes de Párkinson é o obxectivo central dun estudo piloto do grupo de investigación HealthyFit, con base no campus de Pontevedra.
Este estudo levado a cabo cun HTC Vive ProTM, un dispositivo de entretemento comercial, buscaba analizar como pacientes "de diferentes perfís reaccionaban ante un xogo físico en realidade virtual inmersiva". Para iso levaron a cabo unha serie de probas con catro membros da asociación Párkinson Vigo, tres homes e unha muller de entre 53 e 71 anos, cos que se empregaron xogos comercialmente dispoñibles.
As conclusións do estudo foron publicadas nun artigo en 'Sensors', unha das revistas vinculadas ás novas tecnoloxías de maior impacto a nivel científico.
Trátase dun traballo que incluíu unhas probas realizadas cun 'head mounted display' e con xogos e experiencias xa existentes para estes dispositivos permitindo aos investigadores pontevedreses constatar que a aplicación deste tipo de tecnoloxía é factible con este colectivo e non produce efectos adversos, á vez que supón un factor positivo en termos de motivación e adherencia á actividade.
O investigador Pablo Campo, o coordinador do grupo HealthyFit e profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, José María Cancela, e o docente da Facultade de Fisioterapia Gustavo Rodríguez, asinan este artigo.
"A verdade é que os resultados foron moi bos e xerouse unha adherencia cara a este tipo de práctica, dadas as sensacións que percibían e a novidade que implicaba", explicou Cancela sobre a investigación.
"A novidade deste estudo é que, aínda que as novas tecnoloxías están a implantarse na rehabilitación física e cognitiva, estas aínda non se aplicaron ao ámbito de enfermidades neurodexenerativas como pode ser o Párkinson", engadiu o coordinador.
Tras confirmar a súa viabilidade, o grupo HealthyFit desenvolve nestas semanas, coa participación dunha vintena de socios e socias de Párkinson Vigo, un novo estudo dirixido a avaliar os efectos dun programa de exergaming de oito semanas, tras o que se avaliará a evolución que presenten as e os participantes en diferentes parámetros físicos e neurolóxicos cos dun grupo control.
Relacionadas:
-
Un proxecto europeo reúne 200 competidores nunhas "olimpíadas sénior" en Sanxenxo
Por Redacción |
-
RADIO.- A Asociación Provincial de Párkinson perde a hidrocinesiterapia polo peche da piscina de Pontemuíños
Por Marisa Ciordia |
-
Apropark Pontevedra lanza a campaña #LaOtraCaraDelPárkinson para ofrecer unha imaxe distinta da enfermidade
Por Redacción |