Pontevedra incorpórase á "historia social única electrónica"
Por Alejandro Espiño
A partir de agora, os servizos sociais de Pontevedra compartirán a información dos seus usuarios co resto de concellos galegos e coa propia Xunta de Galicia para poder ofrecer unha mellor atención ás persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade.
Farao mediante a adhesión ao convenio asinado polo executivo autonómico e a Federación Galega de Municipios e Provincias para implantar a "historia social única electrónica", segundo anunciou este martes a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías.
Esta historia social recolle, entre outras cuestións, datos, valoracións e informacións sobre a situación e a evolución da atención a persoas usuarias do sistema galego de servizos sociais e a identificación dos profesionais que interviñeron neste proceso.
Toda esta información permite aos servizos sociais dispoñer dunha visión global e integrada da situación de cada usuario e, ao mesmo tempo, tamén facilita o acceso desta persoa ao seu expediente, reforzando a coordinación de todos os axentes involucrados na súa atención.
Anabel Gulías explicou que a entrada de Pontevedra neste sistema permitirá que os servizos sociais municipais sexan "máis eficaces" ao intercambiar información con outras administracións que puidesen atender aos usuarios.