Regresa o programa Depotermal despois de dous anos ofertando 4.424 prazas
Por Redacción
O programa de termalismo social 'Depotermal' da Deputación de Pontevedra volverá, despois de dous anos de parón pola pandemia, no ano 2022 ofertando un total de 4.434 prazas tanto en réxime de asistencia diúrna como de pernoita.
O goberno ven de aprobar as bases do programa, para o que destinará un orzamento superior aos 100.000 euros, e que desde 2015 contou coa participación de 12.121 persoas de toda a provincia.
O obxectivo de DepoTermal é fomentar o avellentamento activo e mellorar a calidade de vida das persoas beneficiarias, favorecendo a creación e mantemento de postos de traballo no sector turítico durante os períodos de menor actividade.
Para asistencia diúrna a balnearios, talasos ou spa durante 5 mañás ou tardes consecutivas, a Deputación ofertará 1.248 prazas. Delas, 186 serán reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social que a Deputación subvencionará con 107,10 euros por praza, mentres que no caso das 1.062 restantes subvencionará un máximo de ata 53,5 euros en función da renda.
No caso da pernoita e réxime de pensión completa, de domingo a venres, contará con 3.186 prazas, das que 124 serán reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social. Nese caso a Deputación subvencionará 280,73 euros por praza.
As persoas que poderán beneficiarse serán as nacidas antes do 1 de xaneiro de 1972, as que teñan a condición de pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65%, que poidan valerse de maneira autónoma para as actividades da vida diaria. Tamén as persoas que non cumprindo estes requisitos precisen dun respiro familiar.
Unha vez adxudicada a contratación a unha empresa especializada, publicarase a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e as persoas interesadas terán un prazo de 15 días para presentar a súa solicitude. Terán a súa disposición un formulario na web da Deputación que terán que cubrir e que poden presentalo electrónicamente ou presencialmente
Os concellos adheridos ao plan son: Agolada, Arbo, Barro, Caldas, Cambados, Campo Lameiro. Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Pontevedra, O Porriño, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilagarcía e Vilanova.
Relacionadas:
-
Xa se poden solicitar prazas do programa de termalismo da Deputación
Por Redacción |
-
Preto dun cento de visitantes preguntaron esta semana polas propostas turísticas de Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntis aproba o convenio coa Deputación para reformar o Espadenal
Por Oskar Viéitez |
-
O Pleno da Deputación aproba o orzamento "máis alto e expansivo da súa historia"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Concello de Pontevedra adhírese ao programa Depotermal de asistencia a balnearios
Por Oskar Viéitez |