A Policía Local intensifica os controis de alcol e drogas durante o mes de decembro
Por Redacción
O mes de decembro estará marcado en Pontevedra por un incremento dos controis de tráfico para detectar se os condutores circulan baixo a influencia do alcol e as drogas.
Así o anunciou a Policía Local de Pontevedra, que vai reforzar os controis durante todo o mes. Ademais, entre este luns día 6 e o domingo 12 de decembro, van colaborar cunha campaña específica da Dirección General de Tráfico que se fai a nivel estatal.
Estes controis vanse intensificar e realizaranse todos os días nas quendas de mañá, tarde e noite.
Segundo sinalou a Policía Local, o motivo é que nestas datas de celebración faise necesaria unha maior vixilancia especialmente enfocada ás comidas e ceas de 'empresa'.
Desde o Corpo policial lembran que o alcol está presente como factor concorrente ou desencadeamento nun terzo dos accidentes mortais. A súa presenza na condución dependendo da súa taxa, multiplica entre 2 e 15 o risco de sufrir un accidente.
"A única taxa segura é 0.0 %", lembra, e engaden que dende o ano 2015 Pontevedra acadou este obxectivo e que, a pesar de incrementar o número de controis e o número de probas, ano tras ano descende o número de positivos.