As Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo responden á Xunta e piden diálogo sobre o futuro dos GES
Por Redacción
As Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo emitiron este sábado un comunicado conxunto no que insisten en que na reunión da comisión de seguimento dos GES celebrada este venres coa Xunta de Galicia volveron garantir o seu apoio á prestación do servizo, así como a súa firme vontade de avanzar no deseño dun novo modelo de funcionamento.
Os tres organismos provincias responden desta maneira á crítica formulada o venres pola Xunta de Galicia e subliñan que non se trata de poñer en cuestión o servizo, senón de mellorar o sistema de prestación.
Segundo sinalan no comunicado, os entes provinciais coincidiron en apostar pola substitución do actual modelo por outro que avance na profesionalización dos GES e que modifique o actual marco laboral do persoal.
Neste sentido, aseguran que na reunión propuxéronlle á Xunta de Galicia prorrogar por un ano o convenio actual, en vigor ata finais deste 2021, e durante ese tempo buscar e consensuar, dende a lealdade institucional, un novo modelo que garanta un servizo profesionalizado e que evite a fraude na contratación por parte dos concellos por mor do incumprimento da lexislación laboral, tal e como xa acreditan reiteradas sentenzas xudiciais. Estes ditames, segundo sinalan, demostran que non é posible manter un sistema que leva a perpetuar vicios e irregularidades que se coñecen de antemán.
En canto ao financiamento, os representantes das Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo sinalan que lembraron que as administracións provinciais duplicaron as súas contribucións porcentuais no período 2019-2021, polo que reclaman que o modelo non supoña novos incrementos. Neses anos, a contribución provincial pasou de significar o 20% do orzamento dos GES ata chegar a un 40%, mentres a Xunta reducía a súa participación do 60 ó 52%.
Os tres entes provinciais reclamaron á Xunta que acabe cos intentos de imposición e que adopte unha actitude de diálogo porque todo convenio de colaboración leva implícito un acordo entre as partes. Tamén reclaman que o Goberno autonómico teña en conta a opinión e a vontade dos concellos, e que non tome decisións unilaterais.
Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra lembrou o desexo de que o grupo de emerxencias do Grove se incorpore ó sistema GES en igualdade de condicións, como un GES completo de 12 membros.