Mellora da eficiencia enerxética na Comisaría de Vilagarcía e as instalacións da Garda Civil na prisión da Lama
Por Redacción
O Goberno central investirá 20.977.152,9 euros en Galicia para situar a Policía Nacional e a Garda Civil á vangarda da sostibilidade e a eficiencia enerxética.
Así o anunciou este sábado o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, que deu a coñecer un acordo subscrito entre o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e o Ministerio do Interior para un total de 16 actuacións nas dependencias da Policía Nacional, casas cuartel da Garda Civil e centros penitenciarios ubicados en Galicia co obxectivo de promover o aforro e a eficiencia enerxética.
Estas actuacións enerxéticas chegarán ao acuartelamento Garda Civil no centro penitenciario da Lama e ás dependencias da Policía Nacional en Vilagarcía de Arousa.
O proxecto inclúe obras como o illamento de fachadas e cubertas, cambio de fiestras, substitución de luminarias e colocación de paneis solares.
As actuacións previstas buscan reducir a demanda enerxética e a dependencia de combustibles fósiles das infraestruturas e edificios asignados ao Ministerio do Interior, así como fomentar neles o consumo de renovables e o autoconsumo; e facilitar a transición a unha mobilidade de cero emisións nas frotas de vehículos policiais.
O delegado do Goberno sinalou que os proxectos deseñados permitirán conciliar o impulso á sostibilidade e o aforro enerxético no ámbito público en municipios pequenos e áreas rurais, fundamentalmente. Seis das 16 actuacións realízanse en concellos de menos de 10.000 habitantes.