As axudas á natalidade terán continuidade en Campo Lameiro tras chegar a seis familias en 2021
Por Redacción
O Pleno da Corporación de Campo Lameiro aprobou por unanimidade darlle continuidade ás axudas á natalidade e para o fomento do empadroamento, que xa chegan á súa sexta edición. En concreto, aprobaron a axuda que se outorga neste ano 2021, que suporá unha achega económica de 500 euros a satisfacer en dúas anualidades de 250 a seis familias.
Os tres grupos políticos con representación na Corporación -PP, PSOE e PorVir- acordaron tamén revisar de inmediato esa cantidade para que a partir do ano 2022 as familias que se acollan a esta liña de subvencións poidan recibir unha maior dotación económica.
Os voceiros municipais acordaron consensuar unha proposta conxunta de modificación da ordenanza vixente co fin de que poida ter unha inmediata aplicación, polo que a previsión é que xa se poida aplicar este mes, cando se convoque o pleno extraordinario para aprobar os Orzamentos Municipais para o ano 2022.
A última sesión plenaria tamén aprobou modificar a ordenanza fiscal do servizos de recollida de lixo para clarificar mellor a obriga dos establecementos comerciais de facerse cargo do aboamento desta taxa aínda que non estean abertos ao público.
Aprobáronse tamén as bases reguladoras das axudas por danos derivados da pandemia da covid-19 a autónomos e empresas, que proceden de fondos da Deputación de Pontevedra. Serán un máximo de 500 euros por establecemento (máximo de 700 no caso de ter dous ou máis) obrigado a pechar e de 300 euros para os non obrigados a pechar (no caso de ter dous ou máis, terán un máximo de 500 euros).
Unánime foi tamén a aprobación do inventario definitivo de bens e dereitos do Concello de Campo Lameiro despois de atender as reclamacións e inscribir algúns camiños públicos de titularidade municipal.