Cruz Vermella conta con 2.172 persoas voluntarias en toda a provincia
Por Redacción
Cruz Vermella xa conta cun total de 2.172 persoas voluntarias en activo na provincia de Pontevedra, base fundamental que permite o desenvolvemento dos proxectos que realizan co fin de axudar a millóns de persoas no territorio.
É por iso que desde a Cruz Vermella queren render homenaxe a todas as persoas voluntarias "que cada día fan que podamos continuar respondendo as necesidades das persoas en situación de vulnerabilidade, e mellorar a súa contorna", destaca Moisés Benítez, director de Voluntariado, "cremos que este incremento está relacionado co carácter solidario da poboación, e a confianza que lles xera axudar a outras persoas guiadas por unha organización de referencia como é Cruz Vermella".
Con motivo do Día Internacional de Voluntariado, que se celebra cada 5 de decembro, as Asembleas da Cruz Vermella de toda a provincia van desenvolver unha serie de actividades como forma de agradecemento. Entre elas atópanse talleres de autodefensa, postos de información sobre voluntariado e xornadas de convivencia ou chocolatadas, todo iso mantendo todas as medidas sanitarias establecidas.
A maior parte das persoas voluntarias de Cruz Vermella forman parte da área de coñecemento de Inclusión Social e atenden a persoas maiores, persoas con discapacidade, mulleres ou nenos e nenas no seu día a día. En Socorros son máis de 50.500 os homes e mulleres que actúan en emerxencias ou na súa prevención e preto de 30.000 forman parte da sección xuvenil, Cruz Vermella Mocidade. Só no plan Cruz Vermella RESPONDE, nacido da necesidade de resolver os problemas sociais derivados da crise da covid-19, máis de 680 persoas voluntarias en toda a provincia deron xa resposta a máis de 43.900 de persoas, máis das 62% mulleres.
Encontro Dixital de Voluntariado
Durante os días 1 e 2 de decembro, Cruz Vermella compartiu dúas xornadas de reflexión e traballo co voluntariado. O primeiro día repasaron os fitos logrados desde a celebración do último Congreso Nacional de Voluntariado, celebrado en Valencia en 2016 e, o segundo, realizaron Ideatón, unha dinámica en liña na que deseñan os retos do futuro do voluntariado en Cruz Vermella.