Os traballos de mellora da ETAP de Romai, Portas e Lantaño entran na súa recta final
Por Redacción
Os traballos de mellora e remodelación tecnolóxica integral na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Romai, Portas e Lantaño están chegando o seu fin. O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, inspeccionou este venres a zona para comprobar o avance das obras nas que o Concello investiu 47.297,58 euros grazas a unha axuda da Xunta a través do organismo autónomo Augas de Galicia cofinanciada a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).
O obxectivo desta actuación é que a ETAP alongue a súa vida útil e mellore substancialmente as súas prestacións. Para iso substituíron electroválvulas da liña de filtrado, as bombas dosificadoras de reactivos e o panel de cloro. Ademais, cambiaron o material granular dos filtros de area e do filtro de carbón activo. A filtración por carbono activo está formada por un depósito de acero inoxidable e conta cun sistema de ventilacón forzada con extractor de aire e rexilla exterior de porotección.
Por último, reprogramaron as horas de funcionamento da planta para aforrar en enerxía e que o funcionamento sexa máis eficaz e eficiente garantindo a salubridade da auga.
Segundo o alcalde, Ricardo Martínez, "máis que unha posta a punto fixemos un 'carenado' completo da ETAP co fin de deixala en perfectas condicións para que siga prestando o servizo, mellor que antes, con tecnoloxía de última xeración que nos permita a telexestión e que nos supoña un aforro enerxético importante o que redundará económicamente nas arcas municipais así como na salubridade e capacidade potabilizadora desta planta que queda agora como nova”, indicou.