Ensinarán a desempregados a "poñerse ao choio" para mellorar as súas opcións laborais
Por Redacción
Profesionais de diferentes ámbitos axudarán a persoas desempregadas a optimizar a súa imaxe e "venderse" mellor. É o que ofertará o programa de asesoramento integral que impulsa a concellería de Promoción económica a través da iniciativa Ponte ao Choio!.
O obxectivo é que os participantes teñan un papel activo na busca de emprego e dotalos de ferramentas que optimicen as súas posibilidades de inserción laboral.
Así, entre outras cousas, os expertos ensinarán como crear un currículo único e orixinal, axustado á súa profesión ou obxectivo profesional e ofrecerlles material gráfico de calidade que poidan utilizar en función das súas necesidades.
Esta iniciativa de mellora da empregabilidade desenvolverase na Casa da Luz en dúas xornadas consecutivas, o venres 17 e o sábado 18 de decembro.
Estará a cargo de Noela Quintana, consultora en recursos humanos e formadora; Beatriz Císcar, fotógrafa profesional, e Damián Pazos, da firma Pixelecer Audiovisual e experto na confección de currículos en vídeo.
Baixo os títulos 'Que di o teu CV de ti? ' e 'Como afrontar unha entrevista de traballo', os obradoiros celebraranse ambos os días en horario de 18:00 a 20:00 horas.
No primeiro, as persoas participantes aprenderán técnicas para elaborar un bo currículo, coa finalidade de transmitir de forma axeitada o seu perfil profesional nos procesos de selección nos que participen dentro da súa busca de emprego.
Pola súa banda, no segundo dos obradoiros, as persoas que participen poderán aprender técnicas de preparación dunha entrevista de traballo, expoñéndoselles a estrutura xeral dunha entrevista, tipoloxía, probas psicotécnicas e dinámicas de grupo, preguntas frecuentes, que facer antes e despois da entrevista e consellos para o seu desenvolvemento.
O circuíto curricular deseñado neste Ponte ao Choio! tamén disporá dun apartado de fotografía profesional, no que Beatriz Císcar realizará fotografías en alta calidade axeitadas á tipoloxía de perfil de cada persoa, xa sexa para o currículo ou para redes sociais.
Todos aqueles que estean interesados en obter máis información sobre Ponte ao Choio! ou inscribirse neste circuíto curricular poden solicitala no correo electrónico ponteaochoio@gmail.com.