Debería ter unha estatua na Ferrería o castañeiro Valentín?
Por Anxo Lourido
Seguramente Valentín Pazos Recamán nunca chegou a saber o que era Facebook. Pero a rede social non esquece un dos personaxes que formaron parte da máis típica estampa dos invernos pontevedreses. Valentín e a súa locomotora castañeira sempre aparecían cos primeiros fríos de outubro para instalarse na Praza da Ferrería ata que en maio deste ano, o simpático persoeiro falecía aos 74 anos de idade.
José Luis Salgueiro, un fotógrafo que reside en Pontevedra, decidiu facer unha chamada social para reclamar unha estatua que inmortalice a figura de Valentín Pazos coa súa máquina de asar castañas. Salgueiro creou un evento en Facebook no que retrata ao castañeiro, natural de Praceres, recordando que miles de persoas se achegaron durante as últimas décadas ata A Ferrería para quentar as mans cos cornetes de castañas e comer un produto "típico da época".
E fai referencia a que Valentín Pazos levou o seu negocio durante sesenta anos coas dúas locomotoras. Agora os seus fillos continúan co negocio familiar. Paco ten o seu posto na Praza de Compostela mentres que na Ferrería atópase Toño, un empregado de Tin, o outro fillo do castañeiro. O propio Toño recoñecía nunha entrevista a PontevedraViva que Valentín fora pioneiro na comarca con este negocio.
O promotor da idea finaliza o seu escrito indicando que sería necesario construír esa estatua na mesma praza que durante tantos anos foi o espazo de traballo do castañeiro e reclama ás autoridades que teñan en conta esta demanda. A proposta iniciada en outubro conta con máis de 600 apoios. No ano 2000 o Concello xa lle concedera unha placa por levar medio século exercendo este oficio.
Vídeo de Youtube publicado por castigator:
Relacionadas:
-
As primeiras castañas da tempada: "se cadra non é a que está máis boa, pero é a que mellor senta"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A toda máquina (de castañas) para promocionar Pontevedra no Maratón de Nova York
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Quen é o novo castañeiro da Ferrería?
Por Anxo Lourido |