O paseo marítimo da praia Compostela estará rematado en primavera
Por Oskar Viéitez
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, avanzou este xoves o remate do paseo marítimo da praia Compostela en primavera e "o cumprimento dun compromiso histórico con Vilagarcía". Explicouno durante a supervisión do inicio dos traballos da segunda fase da rehabilitación da infraestrutura.
Acompañado polo alcalde, Alberto Varela, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; José Miñones detallou que esta segunda fase conta cun orzamento de 633.000 euros dun total 1,3 millóns de euros de investimento do Goberno e implica agora a renovación de 748 metros de paseo.
"Un proxecto demandado polo alcalde e atendido polo Goberno de España, que unha vez máis cumpre con Vilagarcía. Este paseo marítimo constitúe unha das principais vías da cidade. É un dos espazos máis utilizados polos vilagarciáns e polos visitantes, de aí a importancia que ten esta rexeneración. Completar a renovación do paseo marítimo permitirá, ademais, dar resposta a unha demanda histórica do Concello de Vilagarcía e dos seus veciños e veciñas", subliñou.
José Miñones destacou que "o Goberno cumpre con Vilagarcía" cun proxecto no que as obras empezan un mes antes do previsto e ten un prazo de execución de catro meses.
Os traballos serán similares aos executados na primeira fase; substituiranse as laxas de lousa que están deterioradas por un pavimento de formigón tintado moito máis resistente, duradeiro e accesible. Os traballos tamén conlevan a renovación do cableado eléctrico da iluminación pública en todo ou tramo.
Os traballos empezarán polo extremo norte do paseo e afectarán o tramo central, comprendido entre o balneario da Compostela e as inmediacións do lavadoiro de Carril, xa que a primeira fase do proxecto afectou aos dous extremos máis próximos a Vilagarcía e a Carril.