Concentración de Técnicos Superiores Sanitarios para reivindicar equiparación cos profesionais homólogos europeos
Por Anxo Lourido
Os Técnicos Superiores Sanitarios (TSS) son profesionais que se encargan de actividades de soporte ao diagnóstico nos centros hospitalarios na realización de radiografías, biopsias, citoloxías, tratamentos oncolóxicos ou análises clínicas, como as agora tan habituais probas PCR.
Este colectivo sanitario considérase invisibilizado e esta situación levou a que os profesionais se concentraran este xoves nos hospitais de todo o Estado. En Pontevedra realizábanse dúas concentracións, no Hospital Provincial e tamén en Montecelo, durante os minutos de descanso ao mediodía.
Denuncian que os TSS de España son, entre todos os profesionais homólogos da Unión Europea, os únicos que contan cun nivel de cualificación acreditada de nivel 5 dentro de Marco Europeo de Cualificacións. No resto de países, estes profesionais atópanse no nivel 6.
Esta situación ten como consecuencia a falta de recoñecemento da súa titulación. Isabel Fontán, coordinadora técnica do servizo de Microbiología da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, asegura que se atopan no esquecemento dos estamentos políticos e dos gobernos mentres que noutros países si son recoñecidos. Demandan a homologación co resto de traballadores da UE, de forma que se recoñeza a súa titulación no resto de países e non se atopen con obstáculos para desenvolver a súa mobilidade profesional.
España é o único caso no mundo cun "sistema sanitario moderno" en que estes profesionais se atopan segregadas e, por este motivo, devaluadas tanto na titulación como nos salarios.
Na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés contabilízanse ao redor de 200 profesionais TSS, segundo fontes sindicais, que demandan esta homologación con estas concentracións este xoves mentres tres representantes de organizacións de TSS do país mantiñan un encontro no Ministerio de Sanidade. Sinalan que o Ministerio de Educación iniciou o procedemento de participación pública pero a reforma dos títulos académicos mantense no ámbito da formación profesional e co nivel 5. Coas protestas buscan que Educación estableza outro perfil académico compatible co europeo.
Relacionadas:
-
Os técnicos superiores sanitarios mobilízanse para reclamar a titulación universitaria
Por Oskar Viéitez |
-
Volven as protestas dos técnicos superiores aos centros sanitarios para poñer en valor os seus títulos
Por Redacción |
-
O persoal Técnico Sanitario celebrará o seu día cunha xornada de visibilización da súa traxectoria profesional
Por Redacción |