Cancelado o préstamo de 2012 do Concello de Portas co Banco Santander
Por Redacción
Ricardo Martínez, alcalde de Portas, daba a orde nas últimas horas de pagar os 110.884, 45 euros que permanecían pendentes do crédito que o Concello mantiña coa entidade do Banco Santander. O crédito remontábase ao ano 2012 e fora asinado por un importe total de 591.000 euros.
Segundo manifesta o rexedor, esta operación de cancelación de crédito acométese pola estabilidade orzamentaria actual e pola solvencia económica que presenta o Concello de Portas, que ofreceu ao final das contas de 2020 un remanente en Tesourería que supera os 485.400 euros.
Con esta decisión, libéranse ao redor de 73.000 euros para o orzamento municipal de 2022, unha cantidade que se correspondía coa amortización do crédito asinado fai nove anos polo goberno daquel mandato e que se pagaba anualmente.
Martínez afirma que este diñeiro se poderá destinar a atender cuestións de tipo social e a mellorar infraestruturas municipais para mellorar a calidade de vida da cidadanía de Portas.
Sinala que o Concello de Portas atende en tempo e forma a todos os provedores e recoñece que, grazas a esta xestión económica, se concorre ás subvencións doutras administracións.