Cuntis aumenta a oferta de conciliación e atención infantil coa apertura da casa niño
Por Oskar Viéitez
Cuntis aumenta a oferta de conciliación familiar e atención infantil coa recente apertura da casa niño, que é a sexta emprazada na provincia tras as postas en marcha, dende o ano 2017, nos concellos da Lama, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén (2) e Dozón.
Con motivo da súa activación este mércores houbo una visita do alcalde de Cuntis, Manuel Campos; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López; o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e membros do goberno local.
Esta nova instalación está emprazada na antiga escola unitaria da Gándara, na parroquia de Arcos de Furcos.
O Concello de Cuntis outorgou á promotora desta casa niña, Mabel Deza Ferreira, unha axuda de 21.000 euros para a adecuación do recinto, que se completou con 15.000 da Consellería de Política Social, e disporá dunha achega anual de máis de 20.000 euros para os gastos de funcionamento.
A casa niño, como as outras 13 aprobadas en Galicia nesta derradeira convocatoria, pretende favorecer a conciliación familiar e laboral e a atención infantil de 8.00 a 16.00 horas en zonas con poucos cativos e atenderá a un máximo de cinco cativos de ata tres anos de idade baixo un formato de proximidade e atención especializada.