O Tanatorio de Poio estrea instalacións e novos servizos
Por Cristina Saiz & María José Pita
"San Marcos, na súa esencia, pretende ser como esas funerarias que vivían para o pobo, neste caso para Poio, e ao mesmo tempo facer de ponte entre as grandes compañías aseguradoras e as familias".
Deste xeito tan "integrador", como afirmaba no seu discurso Juan Perdiz, o director-xerente do Tanatorio de Pontevedra e Servizos Funerarios San Marcos, daba a benvida ás moitas persoas que quixeron arroupar a estrea das novas instalacións do Tanatorio de Poio.
Nunha carpa instalada no exterior do edificio realizouse a presentación do renovado tanatorio con presenza de veciños e representantes políticos e sociais. Entre eles, o recoñecido chef Pepe Solla, o alcalde de Poio Luciano Sobral e concelleiros de todos os grupos municipais, ademais de rexedores de concellos próximos como Jorge Cubela de Cerdedo-Cotobade e César Poza de Vilaboa, municipio no que hai cinco días se poñía a primeira pedra para o futuro tanatorio.
"Vilaboa é outro dos centros importantes para San Marcos, unha empresa familiar, de cercanía e para os veciños", manifestaba Juan Perdiz a PontevedraViva. Esta instalación dará resposta ás demandas dos concellos da contorna e consolida a San Marcos como empresa de referencia na comarca. "Temos o tanatorio de Pontevedra, Poio, A Lama, Barro e somos a única empresa que ten crematorio en Pontevedra, que é un dos servizos importantes da empresa San Marcos, sempre dentro da cercanía, da familiaridade e a vecindade", apuntaba o director-xerente.
Precisamente este carácter familiar foi o que puxo de relieve Perdiz Cabanelas durante a súa alocución, na que lembraba que a orixe da empresa sitúase en 1915 co seu avó, un labor que continuou seu pai e que tivo o seu impulso en 1991, cando colleu o testigo, e que continúa nos nosos días. "Eu quero que San Marcos siga sendo referente do que é a área sanitaria, non da parte médica, senón da funeraria. Permitídeme que me invente esta área, a funeraria, porque San Marcos está en Poio, en Pontevedra, e en moitos concellos que a rodean".
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, felicitaba á empresa San Marcos por esta obra "porque o novo deseño e aproveitamento físico do tanatorio fai que pareza un edificio totalmente distinto e, sobre todo, a calidade e os servizos que se prestan no seu interior". Un recoñecemento que personalizaba no seu xerente, "pola súa valentía, iniciativa e emprendemento", declaraba o rexedor, á vez que sinalaba que "desde o Concello alegrámonos de que haxa persoas como Perdiz que aposten por investir en servizos de calidade, que queirámolo ou non, todos vamos a necesitar".
Por esta experiencia pasou o chef internacional Pepe Solla, quen tamén interveu no acto para adicar unhas cálidas palabras a Juan Perdiz: "Hai dous anos morreu meu pai e é nese momento cando notas a amistade e tamén a profesionalidade, douche as grazas e que sigas axudando a todos os veciños de Poio neses momentos". O cociñeiro poiense recoñecía a importancia desta aposta empresarial porque "cada infraestrutura que se mellora é unha mellora para todos os veciños e para todo o concello de Poio".
RENOVACIÓN INTEGRAL
Situado nun lugar privilexiado, ao carón da Casa Cosistorial e o Mosteiro de Poio, o tanatorio ofrece amplos espazos cun coidado deseño moderno e un ambiente moi acolledor. Chaman a atención os vinilos que decoran as paredes e que recollen motivos vencellados á vila de Poio.
As instalacións están compostas por tres salas, cada unha coa súa zona de velación e un office que permite á familia poder descansar e reunirse cos visitantes con tranquilidade. "É un cambio moi importante para a comodidade e sobre todo pensando na situación en que vivimos: espazos abertos e libres", apuntaba o director-xerente.
Todas as instalacións contan con acceso para persoas con mobilidade reducida, así como cuartos de baño adaptados. Ademais dun ascensor que comunica as dúas plantas e estas tamén co exterior, onde tamén hai habilitado un aparcamento. Unha cafetería con autoservizo ou unha sala aparte cunha pequena exposición de caixas para facilitar todos os trámites dan mostra dun servizo de cercanía e moi adaptado ao cliente.
Así mesmo, destaca o coidado polos pequenos detalles que se adaptan aos novos tempos e facilitan a estadía das familias no tanatorio, nun momento tan delicado. É o caso das pantallas de vídeo que se sitúan ás portas de cada unha das salas, que permiten asinar nun libro de firmas dixital ou solicitar flores online, ademais de ofrecer información de utilidade, como as instrucións para seguir as normas sanitarias relativas á covid-19.
Relacionadas:
-
San Marcos continúa medrando coa presentación dos dos novos tanatorios ubicados en Sanxenxo e Meis
Por Noticia patrocinada |
-
Primeira pedra do novo Tanatorio de Vilaboa que construirá a empresa San Marcos
Por Oskar Viéitez |
-
Funeraria San Marcos ofrece dispositivos para que as persoas invidentes accedan a esquelas e documentos
Por Redacción |
-
Grande expectación para coñecer o renovado Tanatorio Pontevedra
Por Redacción |
-
San Marcos presenta o seu novo vehículo fúnebre
Por Redacción |
-
Cando o teu traballo empeza ao acabar a vida dos demais: "Somos os últimos e aí non podemos fallar"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |