A mellora dun tramo da estrada provincial Postemirón-Acuña está pendente de licitación
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra ten xa en licitación o proxecto de "Mellora da seguridade viaria na EP-0101 Postemirón -Acuña" ao seu paso polo termo municipal de Vilaboa no que investirá preto de 81.000 euros.
O deputado de Infraestruturas Gregorio Agís e o alcalde de Vilaboa César Poza veñen de visitar o tramo de 540 metros de estrada onde se acometerán melloras para incrementar a súa seguridade, dotándoa de cunetas, novo firme e sinalización, "seguindo o modelo de mobilidade sostible, amable e segura da institución provincial".
A actuación na EP-0101 entre Postemirón e Acuña ten por obxectivo aumentar a seguridade, mellorar a drenaxe transversal da vía e o seu estado de firme. Para elo, por unha banda, vanse executar novas cunetas de seguridade de formigón na marxe dereita da estrada. No que respecta ao firme, procederase a reparar e mellorar a capa de rodadura, cun tratamento superficial e recrecido mediante capa de formigón bituminoso en quente. Finalmente, vaise repoñer a sinalización horizontal, co fin de salvagardar e mellorar a seguridade viaria nesta estrada provincial.
Prevese que as obras se estendan durante tres meses dende a formalización do contrato. Durante ese tempo realizaranse tarefas de roza e limpeza de cunetas, noiros e terrapléns. Tamén se cortará e demolerá o firme e as beirarrúas, escavarase en gabia o terreo para o posterior recheo, repararanse as xuntas e as conexións, instalaranse novas tubaxes e cunetas revestidas de formigón. O firme contará con novo pavimento que será selado con tratamento superficial e contará con regas de adherencia. Amais, en canto á sinalización horizontal, instalaranse marcas reflectantes brancas.