A Fiscalía dá "total credibilidad" ao relato dunha muller que acusa o seu curmán de abusar sexualmente dela cando era menor de idade
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou visto para sentenza este martes día 30 de novembro un xuízo contra un home acusado de abusar sexualmente, de forma continuada durante anos, da súa curmá, cando esta tiña entre 7 e 12 anos de idade.
A Fiscalía deu "total credibilidade" ao testemuño da vítima e mantivo a súa petición inicial de condena reclamando que se lle impoña ao acusado unha pena de 10 anos de prisión para este home.
No seu informe o Ministerio Fiscal sinalou que, unha vez concluída a vista oral, atopa "muy sincera" a declaración da denunciante."No dudo de la realidad de los hechos denunciados" e destacou a fiscal respecto a a "verosimilitud" do testemuño desta muller na que "no se encuentra un móvil espurio" e o seu relato do ocorrido ve como "uniforme, constante y persistente en el tiempo".
A declaración da denunciante produciuse a porta pechada e protexida detrás dun biombo.
Segundo referiu a Fiscalía, esta moza contou que, cando era menor de idade, se turnaba coa súa irmá para durmir en casa da súa tía avoa, xa que o seu fillo (o acusado) foise por motivos laborais e ela quedaba soa.
Cando o procesado regresou, as menores seguiron indo pernoitar a casa do seu familiar e, nunha data non determinada de 2001, cando a vítima tiña 7 anos de idade, comezaron os abusos. A Fiscalía sinala que o acusado (que entón tiña 39 anos) coa escusa de xogar ás cartas coa nena, mandáballe pechar a porta da habitación para quedar a soas con ela. Inicialmente, o home limitábase a mostrarlle o seu pene e a masturbarse diante dela, pero os feitos fóronse agravando co tempo.
A vítima explicou que os abusos foron continuados ata 2007, cando a tía avoa sorprendeu un día á nena, que xa tiña 12 anos, co acusado, tendo ela os pantalóns e a roupa interior baixada. Desde ese momento, a vítima tomou conciencia da situación e comezou a evitar ao acusado.
O acusado declarouse inocente e negou os feitos que lle levaron a sentar no banco da Audiencia de Pontevedra.
A psicóloga clínica e as psiquiatras do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) explicaron ao tribunal que anos despois, en marzo de 2017, a vítima, xa unha muller adulta, iniciou un cadro clínico ansioso con importante repercusión funcional tras evocación de recordo traumático en forma de crise de ansiedade, nerviosismo, psicosomatización, irritabilidade, baixo estado anímico, dificultade de concentración, hiperalerta, ideas pasivas de morte e autolesiones, incremento de consumo de alcol e abuso de ansiolíticos e condutas de evitación. Todo iso compatible cun cadro de "estrés postraumático de inicio retardado".
A moza, que presentou denuncia polos abusos en 2019, tivo que someterse a tratamento médico e psicoterapéutico, aínda que persisten as secuelas.
O avogado da defensa tratou de desvirtuar os informes da psicóloga e as psiquiatras forenses pola súa "falta de objetividad" e asegurou que a denunciante "fabula para conseguir sus objetivos" xa que as familias mantiñan unha mala relación derivada de "problemas económicos y envidias". Por todo iso pediu a libre absolución do seu cliente.
Tanto a Fiscalía como a acusación particular consideran ao acusado autor dun delito continuado de abuso sexual sobre menor de 13 anos, aproveitando a súa situación de superioridade e con introdución de membros corporais por vía vaxinal.
Así, piden que sexa condenado a 10 anos de cárcere, e que se lle impoña a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima durante 12 anos. Tamén reclama que indemnice á moza en 20.000 euros polas lesións psíquicas consecuencia dos abusos.