Carmela Silva ofrece a provincia como "plató de cine" para reactivar a economía dos concellos
Por María José Pita
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, inauguraba este martes a xornada "O audiovisual e a reactivación: oportunidades para o sector e para os concellos", organizada pola institución provincial coa colaboración de Spain Film Commission e Clúster Audiovisual Galego.
"Non podo entender que as administracións públicas non sexan capaces de detectar as ferramentas para potenciar este sector, que ten un gran futuro. Temos que convertelo nunha referencia e que constrúa provincia e país", manifestaba a presidenta en relación á oportunidade que se presenta para que o audiovisual sexa un sector que fomente a recuperación económica e contribúa a un aumento da empregabilidade.
Carmela Silva remarcou o interese da Deputación para seguir promovendo que os concellos da provincia sexan "platós de cine" como referencia cultural pero tamén de activación económica. "Temos que pensar no audiovisual como industria: que podemos facer para crear produtos e que iso xere proxectos, riqueza, emprego?", manifestaba poñendo o foco no potencial a todos os niveis que ten a aposta pola cultura e destacaba que precisamente a Deputación elaborou unha ordenanza para facilitar as rodaxes nos concellos da provincia.
Neste punto destacou a combinación cun sector turístico sostible que poida dar cabida aos profesionais que filmen as súas películas ou series na provincia de Pontevedra e tamén aos moitos visitantes que se reciban grazas ao escaparate que supón que as paisaxes e a cultura propia aparezan nas diversas producións audiovisuais. "Queremos que esta provincia sexa unha potencia audiovisual".
Iñaki Gaztelumendi, como consultor de turismo, reafirmaba esta sinerxia ao afirmar que "o turismo aumenta grazas á relación coa cultura. As visitas a destinos medran coa memoria audiovisual. Moitos desexamos coñecer lugares grazas a cintas famosas. Cambios na sociedade fanas máis accesibles e esto inflúe no turismo".
"O sector audiovisual crea moito emprego, mobiliza a economía e ten influencia noutros sectores. O soporte que ofrece o turismo durante unha produción audiovisual é incuestionable, non se trata só de atraer visitantes a posteriori", apuntaba Teresa Azcona, vicepresidenta de Spain Film Commission.
Jorge Algora, o presidente do Clúster Audiovisual Galego, mostraba un escenario esperanzador para o sector no que "seguen aparecendo moitas novas empresas de audiovisual, nun contexto favorecido polas plataformas de streaming. Estamos ante unha oportunidade única e agardo que tras esta xornada teñamos clara a dirección cara a onde remar".
Esta reactivación tamén era apoiada polo presidente de Spain Film Comissión, Carlos Rosado. "España está vivindo un momento transcendental para o audiovisual. Estabamos nun momento prometedor antes da pandemia pero o audiovisual deu un gran paso adiante. A cultura nunca fora antes unha política panca para o Estado", e neste sentido destacaba o compromiso da Deputación de Pontevedra.
Pola súa banda, Chelo Loureiro, directora, produtora e vogal de CIMA, sinalaba que "incluír os nosos territorios nas nosas animacións é todo un acerto, posto que se pode implicar igualmente aos axentes económicos que pertencen a eles, sen ter un impacto medio ambiental".
Nesta liña tamén se posicionou o vogal de internacional do Clúster Audiovisual Galego, Nacho Varela, para quen "en Galicia temos razóns suficientes para que unha produción audiovisual se converta en promoción turística do territorio, pero ás veces non se fai unha xestión intelixente dos recursos tanxibles e intanxibles que xenera".
A grovense Emma Lustres, produtora executiva de Vaca Films, poñía o acento nas oportunidades que o audiovisual ten de cara ao mercado internacional. "Temos que loitar por manter os dereitos, non supeditarnos a outras industrias. O sector centrouse sobre todo no mercado interior e puntualmente internacional, pero a distribución globalizouse e por fin nos ven en todo o mundo", defendía. Así mesmo, sinalaba que "é fundamental atraer investimento estranxeiro porque salpica de riqueza, pero é igual de importante protexer á empresa española, sobre todo a que fai boas prácticas. Defendo a distribución da riqueza, non a súa concentración".
Relacionadas:
-
Spain Film Commission impulsa, en Pontevedra, a promoción de España como destino cinematográfico internacional
Por Redacción |
-
Pontevedra tratará de captar rodaxes das principais produtoras de Hollywood
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación promove a provincia como destino de rodaxes, proxectos audiovisuais e cinematográficos
Por Oskar Viéitez |
-
A Boa Vila e Terras de Pontevedra incorpóranse á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes
Por Redacción |
-
Pontevedra, primeira provincia galega que entra na Spain Film Commission
Por Oskar Viéitez |
-
A actividade dixital e a personalización da oferta turística focalizan a cuarta xornada Turistic
Por Redacción |
-
A Deputación impulsa o papel da provincia como plató de rodaxes
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A campaña promocional 'Segue o teu instinto' da Deputación suma en Aveiro o seu noveno premio internacional
Por Redacción |
-
A Deputación lanza Mulleres no Foco, os Mestre Mateo da igualdade no audiovisual
Por Manu Otero |