Os edificios das escolas de O Tombelo e a subestación de Vilalonga serán historia antes de 2022
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo reservou unha partida de 72.000 euros nos orzamentos de 2021 para executar os traballos de demolición das vellas escolas unitarias de O Tombelo en Noalla e o edificio exterior da subestación de Vilalonga.
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, anunciouno o luns no Pleno ordinario da Corporación en resposta a unha moción presentada polo PSOE.
Telmo Martín anunciou que as demolicións se acometerán antes de finalizar o ano. Ambos os edificios son dos anos 60 e a súa derriba contribuirá á mellora dos espazos municipais.
O goberno xa conta cun proxecto para a demolición do inmoble situado no recinto exterior da subestación de Vilalonga e asinará proximamente un convenio con UFD Distribución Electricidade para a cesión de uso do espazo por 99 anos, período máximo legal permitido.
Este acordo permitirá converter a parcela nun espazo público, mellorar a seguridade viaria e a imaxe da entrada principal á parroquia coa dotación dunha marquesiña, unha parada de autobús e unha zona verde.
O Concello tamén ultima o proxecto de derriba do edificio das escolas de O Tombelo, un inmoble que se atopa en estado de ruína e non é posible a súa rehabilitación xa que a estrutura está moi danada.
O goberno prioriza esta derriba ao atoparse o edificio en moi malas condicións de salubridade e próximo a vivendas. Tras a derriba, achandarase o terreo e plantarase céspede quedando como zona verde para o goce dos veciños.