A Fiscalía de Pontevedra pide sete anos de prisión a un home acusado de violar a súa esposa
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra sinalou para este martes o xuízo contra Juan L.L. por agredir sexualmente a súa esposa. Este home leva casado corenta e catro anos con M.C.P.L. tendo tres fillos en común, todos eles maiores de idade.
Segundo relatos dos feitos que fai a Fiscalía, na madrugada do día 22 de xullo de 2012, o acusado chegou ao seu domicilio sito na parroquia de Santiago de Oliveira no Concello de Ponteareas (Pontevedra) tras estar a beber no bar e "con ánimo de satisfacer os seus desexos lúbricos se dirixiu ao cuarto da súa esposa", cuxa porta estaba pechada.
O acusado golpeou a porta en varias ocasións ata que a súa esposa decidiu abrir por se lle pasaba algo. Ao encontrarse co acusado pediulle que se fose e que non quería nada con el porque cada vez que a tocaba lle facía dano. Pero segundo o escrito de acusación o marido desoíu estas advertencias e empurrou a muller con forza mentres a insultaba. Segundo a Fiscalía ao caer a muller de costas sobre unha das camas o acusado púxose enriba dela violándoa.
Para o Ministerio Público estes feitos son constitutivos dun delitos de violencia contra a muller, en relación de concurso cun delito de agresión sexual, polo que pide para o acusado a pena de sete anos de prisión ademais da prohibición de aproximarse á muller nun radio de 300 metros e a comunicarse con ela por calquera medio durante un período de 8 anos.