Bueu prende a luz do seu Nadal
Por Redacción
Bueu foi un dos municipios pontevedrés que antes procederon a acender a súa iluminación do Nadal. As principais rúas e prazas da vila ilumináronse este sábado.
No acto de aceso, á beira do Concello, participaron o alcalde de Bueu, Félix Juncal, e diversos membros da corporación municipal.
O elemento central da iluminación de Nadal que Bueu preparou para este ano é unha campá multicor colocada na céntrica Praza Massó, aínda que diversas zonas do municipio, tanto do centro urbano como do rural, contan tamén con elementos novos.
En total, hai máis de 150 elementos luminosos por todo o concello, entre eles arcos luminosos, tres carteis anunciadores do Nadal e detalles en farois e árbores.
Para a iluminación do Nadal, o Concello de Bueu fixou un investimento de 18.000 euros.