Pontevedra é a única grande urbe galega que aumentou o número de afiliados á Seguridade Social nesta pandemia
Por Redacción
A Concellería de Promoción Económica e Turismo e o Grupo de Investigación da Universidade de Vigo G4 Plus veñen de publicar o informe do Observatorio Urbano de Pontevedra 2021, no que se recollen e divulgan os datos relativos a un conxunto de indicadores socioeconómicos esenciais para coñecer a evolución da cidade e facilitar unha mellor toma de decisións aos axentes públicos e privados no desenvolvemento urbano.
O Observatorio tamén inclúe un informe anexo que analizar o impacto que a covid-19 tivo nas sete grandes cidades galegas durante o primeiro ano de pandemia (2019-2020) e que, segundo indica o Concello, pon de manifesto os "bos resultados" das medidas adoptadas polo goberno local para contrarrestar os efectos desta crise sanitaria e económica.
En base a este informe, Pontevedra é a segunda das sete grandes cidades de Galicia que rexistrou un menor impacto na evolución da porcentaxe de parados derivados da situación xerada pola covid-19.
Pasou de 5.508 persoas desocupadas en decembro de 2019 (10,10% sobre a poboación potencialmente activa) a 6.220 en decembro de 2020 (11,41% sobre a PPA), o que supón un incremento do 12,9%, situándose unicamente por detrás de Vigo (que tivo un incremento do 11,7%) e a moita distancia de Ferrol (22,3%) ou Santiago (19,3%).
No que atinxe á evolución do número de contratos, Pontevedra pasou de 37.026 en 2019 a 26.385 en 2020, o que supuxo un impacto negativo do 28,74%, situándose nunha posición intermedia entre as sete grandes cidades: Vigo con -21,71% rexistra o menor impacto e no extremo oposto atópase Santiago (-41,98%).
Na nosa cidade, o maior impacto de xeito comparado co ano anterior rexistrouse nos meses de abril e maio, nos que o número de contratos asinados descendeu case un 70% respecto aos mesmos meses do ano anterior.
Entre os datos máis salientables deste informe anexo, constátase que Pontevedra é a única grande cidade das sete de Galicia que tivo un incremento no número de afiliacións á Seguridade Social no ano 2020 con respecto ao 2019 (un 1,35% máis), situándose o resto das urbes en cifras negativas, acadándose en Vigo un -2,53% e en Santiago un -2,99%.
A pesar do impacto da covid-19 -subliña a edil de Promoción económica, Yoya Blanco, "Pontevedra mantívose practicamente tódolos meses do ano 2020 como a cidade con mellor evolución no número de afiliacións respecto aos mesmos meses do ano anterior".
Tamén no que se refire á creación de sociedades mercantís, sempre en base aos resultados do informe do observatorio, Pontevedra é a grande cidade galega onde o impacto da covid-19 foi menor, cun resultado negativo do 14,10%, pasando de 156 en 2019 a 134 en 2020, mentres que A Coruña ou Santiago se atopan no extremo oposto, con descensos entre o -29% e o -22%.
A ÚNICA, ADEMAIS DE SANTIAGO, CON SALDO MIGRATORIO POSITIVO
En 2020 as grandes cidades galegas rexistraron saldos migratorios inferiores aos de 2019, sendo A Coruña a que presenta unha maior redución do saldo migratorio (-3.659) e Ferrol e Pontevedra as urbes que teñen menores diferencias neste período (-259 e -332, respectivamente).
A pesar destas diferencias entre 2019 e 2020 -asegura Yoya Blanco- Santiago e Pontevedra son as únicas cidades que en 2020 conservan saldos migratorios positivos (503 e 204 respectivamente).
Segundo este grupo de investigación da universidade, Ferrol, Santiago e Pontevedra son as cidades nas que en menor medida caeu o saldo interno (diferenza entre a inmigración interna e a emigración interna, intraprovincial e co resto de Galicia), atopándose Vigo e A Coruña no canto oposto da moeda, con elevados descensos deste saldo.
No que se refire ao saldo externo (diferenza entre a inmigración externa e a emigración externa, co resto de España e co estranxeiro), Pontevedra é a única cidade das sete grandes que incrementou este saldo en 2020 respecto as cifras de 2019. O resto de cidades rexistran saldos inferiores aos do ano anterior.
Se atendemos ao saldo vexetativo, Pontevedra é das sete a que menor impacto presenta entre o saldo de 2020 (-257) e o de 2021 (-243), cunha diferencia negativa de tan só 14 persoas en plena pandemia.
O estudo realizado polo Observatorio Urbano recolle ademais que Pontevedra é a segunda cidade con maior crecemento en transaccións de vivenda nova (7,6%), situándose só por detrás de Santiago (31,5%) e por diante de Lugo e Ferrol (6% e 4,5% respectivamente).
UN DOS MAIORES DESCENSOS NAS INFRACCIÓNS PENAIS
De entre os poucos datos optimistas que nos deixou esta pandemia do coronavirus, o Observatorio Urbano pon de manifesto que entre os anos 2019 e 2020 descenderon as infraccións penais nas sete grandes cidades galegas, especialmente en Santiago e Pontevedra (-18,7% e -18%), así como o índice de infraccións (-19,1% e -18,2%, respectivamente), é dicir, as infraccións penais por cada 1.000 habitantes.
As mellores cifras foron as relativas aos roubos con forza en domicilios ou establecementos, que se reduciron un 49%, e as subtraccións de vehículos, que descenderon nun 47%.
Outro indicador a ter en conta é o que recolle o número de persoas beneficiarias das axudas de inclusión social, que só aumentaron en 2020 con respecto ao ano anterior en Vigo e Lugo, véndose reducido no resto de cidades e sendo A Coruña e Pontevedra as urbes onde menos caeu. Un descenso que pode explicarse pola substitución desta axuda polo Ingreso Mínimo Vital.
REDUCIUSE NUN 27,52% O NÚMERO DE INTERVENCIÓNS CIRÚRXICAS
O informe do impacto da covid-19 do Observatorio Urbano tamén analiza a evolución da actividade asistencial no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra a partir da memoria de actividade da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés.
Segundo indica, durante o ano 2020, a actividade asistencial experimentou en xeral un descenso en todas as variables consideradas con respecto aos valores do ano anterior. Mostra disto son os descensos do 17,76% en ingresos totais, do 27,52% en intervencións cirúrxicas totais ou 17,17% en consultas externas.
A mesma situación acontece con outras actividades, con descensos xeralizados en todas as categorías e só con algúns incrementos puntuais, como pasa no caso da actividade de laboratorio/microbioloxía (+28,26%) ou os partos totais (+2,41%).
O número de consultas realizadas tamén descendeu notablemente nos diversos centros de saúde da área sanitaria en case tódalas categorías no ano 2020 respecto aos rexistros do ano anterior, cun -37,19% en consultas de fisioterapia ou un -31% en consultas en odontoloxía. Pola contra, incrementáronse as consultas con traballadores sociais (+59,40%) e as consultas farmacéuticas (+24,35%).