Terras de Pontevedra organiza un obradoiro infantil de debuxo en A Lama
Por Redacción
O Concello da Lama porá en marcha o vindeiro sábado 11 de decembro un obradoiro de debuxo destinado a nenos e nenas de 8 a 12 anos interesados en potenciar a súa creatividade e aprender técnicas básicas de aplicación a esta disciplina artística.
Esta actividade chega ata o concello da Lama a través da Mancomunidade Terras de Pontevedra e os interesados en participar nesta iniciativa de balde deberán inscribirse nas oficinas municipais, xa que as prazas son limitadas, ou chamando ao teléfono 698 12 74 45.
O cursiño impartirase o sábado 11 de decembro nos locais municipais do Obradoiro de Emprego, na estrada da Fraga, e con esta actividade preténdese recuperar o espírito do artista viaxeiro que plasma as súas aventuras de viaxes en ilustracións a través dun obradoiro de debuxo cos cativos.
A actividade constará de dúas partes. Na primeira proxectarase a historieta animada "As pegadas de Petra" para que os cativos coñezan a embaixadora de Terras de Pontevedra: Petra, unha artista da idade do bronce.
Posteriormente, darase paso ao obradoiro de debuxo para o cal todo o material correra por conta do equipo encargado da actividade. Segundo os organizadores do obradoiro, "trátase de recuperar o modo en que séculos atrás as obras de arte constituían outra forma de viaxar, ao mesmo tempo que nos divertimos, potenciamos a creatividade e aprendemos técnicas de debuxo".