As árbores naturais de Nadal terán unha segunda vida con 'Rearborízate'
Por Redacción
A campaña 'Rearborízate' chega a Pontevedra á vez que as festas de Nadal. O programa, xestionado pola Concellaría de Montes en colaboración co departamento de Festas, busca alongar a vida das árbores de Nadal vivas, como se fixo na pasada edición, 'O bosque de Nadal', plantando 25 exemplares.
A comunidade de montes de Tomeza cederá un espazo no monte comunal para que os donos e donas das árbores naturais de Nadal poidan replantar o seu exemplar permitindo que continúe con vida no monte.
No caso de que non queiran plantar persoalmente a árbore, o Concello poderá recollelas e encargarse de plantalas.
O vindeiro 9 de xaneiro é a data prevista para realizar a plantación, polo que todas as persoas que queiran participar deberán poñerse en contacto co teléfono 986804300 (extensión 7583) ou cubrindo o formulario habilitado no web apuntate.pontevedra.gal antes do 5 de xaneiro.
Ademais, para poder participar, a Concellaría pide que mentres a árbore esté nos domicilios se adopten unha serie de coidados, senón no poderán ser viables no monte.
Neste senso, a árbore deberá estar afastada de fontes de calor como radiadores ou chemineas e tamén estar preto dunha fiestra, e incluso, que lle dea aire fresco. Tamén require un rego abundante pero sen encharcala, botando un pouco de auga na base, a diario, será suficiente para que sobreviva. Por último, as árbores deberán conservar o seu terrón e non deben ter as pólas cortadas, senón non sobrevivirán.
Para a difusión da campaña 'Rearborízate', o departamento de Montes distribuirá folletos no mercado de árbores que a Concellaría de Festas instalará na praza de Ourense entre o 3 e o 5 de decembro. Ademais, tamén se distribuirá información no poboado de Nadal e nos comercios e viveiros do concello que se adiquen á venda de árbores de Nadal vivas.
Relacionadas:
-
Posposta para o 14 de xaneiro a plantación de árbores naturais de Nadal
Por Redacción |
-
Quince arboles de Nadal teñen unha segunda vida grazas a Rearborízate
Por Redacción |
-
Pontevedra dá a benvida ao Nadal co acendido do alumeado e o poboado da Ferrería
Por Redacción |
-
O monte de Tomeza acollerá as árbores de Nadal despois das festas
Por Redacción |