Este é o proxecto de reforma do Campo da Torre que entra en fase de contratación
Por Redacción
O proxecto de renovación paisaxística do Campo da Torre xa entrou en fase de contratación. Será este luns cando a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, dea o paso definitivo para poñer en marcha a dotación da zona cun moderno parque infantil no que as árbores e os elementos naturais serán os protagonistas.
O arquitecto Víctor Hermo é o deseñador desta innovadora intervención coa que cambiarán a faciana do eixo de centralidade de San Roque, con amplas áreas de xogo, sombra, encontro social e descanso, coa instalación de hamacas e cadeiras de madeira como prioridades.
Esta actuación contempla, a colocación de varias estruturas de trepa e numerosos troncos de madeira de diferentes alturas, distribuídos dun xeito que lembra a nivel estético ás columnas de basalto de orixe volcánica que conforman a famosa paisaxe do Giant’s Causeway (Calzada do Xigante) de Irlanda do Norte.
Ademais, o Concello plantexa a revisión das estruturas de xogo actuais, que substituirán por elementos naturais que favorezan o xogo imaxinativo, retos motrices e o desenvolvemento do equilibrio.
A rampla de madeira conectará a área de sombra e descanso prevista coa zona de xogos á que tamén se poderá acceder mediante un rocódromo situado nun dos laterais ou trepando polas barras que se instalarán debaixo do mesmo. Debaixo da rampla, colocarán un tubo a xeito de túnel, creando un espazo que favorece o agocho e o gateo.
Finalmente, habilitarán unha zona de encontro con árbores e zona de descanso na que colocarán hamacas e cadeiras con puntos de conexión para cargar dispositivos móbiles, ordenadores e tabletas.
O prazo de execución do proxecto é de tres meses desde o seu inicio, para o que o Concello achegará 90.000 euros.
Relacionadas:
-
Adxudican tres proxectos para mellorar a calidade de vida dos barrios de San Roque, A Parda e Monte Porreiro
Por Redacción |
-
A zona verde do Campo da Torre vai converterse nun parque de árbores con hamacas
Por Redacción |
-
Campo da Torre e San Roque, próximos obxectivos da reforma urbana
Por Alejandro Espiño |