O Sergas inicia a negociación do plan de ordenación de recursos humanos de atención primaria
Por Redacción
A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, presidiu este venres unha nova reunión da Mesa Sectorial de Sanidade na que se negociou o plan de ordenación de recursos humanos para ámbito da atención primaria.
A reunión, contou coa presenza do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias e a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo. Así, pola parte sindical participaron as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UXT.
O plan que resulte do proceso de negociación que este venres botou a andar conterá un conxunto de actuacións para a óptima utilización dos recursos humanos no ámbito da atención primaria do Sergas.
Entre os obxectivos de plan atópanse o de atraer a novos profesionais que presten servizos na atención primaria, ademais de fomentar con diversas medidas a actividade dos traballadores que xa veñen actuando neste nivel asistencial.
Neste caso, tendo en conta as necesidades asistenciais actuais, agora condicionadas pola falta de dispoñibilidade de recursos humanos en categorías como as de persoal médico de atención primaria ou na de persoal de enfermería. Con todo, o plan contemplará a realización dunha ordenación dos cadros de persoal que permita a redución da presión asistencial.
A primeira reunión do proceso negociador serviu para realizar unha aproximación ao diagnóstico de situación, presentando datos de diagnóstico. Entre eles, datos que acreditan que o 90% do persoal MIR que finaliza a súa formación como especialista en medicina familiar e comunitaria no Sergas continua prestando os seus servizos en Galicia.
Do proceso de negociación deste plan poderán resultar algunhas das bases que se incorporarían para a regulación dos Recursos Humanos no futuro Decreto de ordenación da atención primaria.
OUTROS TEMAS ABORDADOS NA MESA SECTORIAL
No transcurso da reunión, informouse que na categoría de persoal enfermería especialista creáronse neste ano 30 prazas na especialidade de enfermería familiar e comunitaria, e 9 prazas na especialidade de enfermería pediátrica.
Ademais, trasladouse a ratificación de diversos acordos da comisión de traballo na que se acordou a prórroga contratos de 738 traballadores.
Concretamente, a ampliación por tres meses de 623 contratos de persoal por emerxencia sanitaria, que ían finalizar entre o 30 de novembro e o 31 de decembro; así como a prórroga de seis meses dos contratos de continuidade do persoal de enfermería subscritos por mor da situación sanitaria (115 en total), e que tamén estaban próximos a finalizar.
Así mesmo, acordouse ratificar o acordo de carreira profesional que supoñerá o recoñecemento dun novo grao de carreira a preto de 100 profesionais.
Por último, presentouse o anteproxecto de decreto de creación destas dúas novas categorías de persoal de biblioteconomía e documentación, abrindo un prazo para a realización de alegacións por parte das organizacións sindicais.
Relacionadas:
-
O goberno local de Pontevedra esixe á Xunta solucións para evitar que pedir cita médica sexa unha "odisea"
Por Redacción |
-
Profesionais de fisioterapia e enfermería alzan a voz contra a sobrecarga e precariedade na Atención Primaria
Por Manu Otero |
-
A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública denuncia a situación do consultorio de Vilalonga
Por Oskar Viéitez |
-
O centro de saúde de Ponte Sampaio, momentaneamente sen médico á espera do novo titular
Por Redacción |
-
Convocada unha concentración para defender a Atención Primaria no centro de saúde de Moraña
Por Redacción |
-
A área sanitaria dá prioridade á atención en centros de saúde e PACs en lugar de Urxencias ante a falta de médicos
Por Manu Otero |
-
Médicos de Urxencias do Hospital Montecelo e Provincial denuncian maltrato por parte da xerencia da área sanitaria
Por Redacción |
-
Ampla presenza de poboación de Pontevedra-O Salnés na marcha en defensa da Atención Primaria en Santiago
Por Redacción |