Abren un expediente pola colocación dunha torre anemométrica do Parque Eólico Coto do Carballal
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, ordenou a apertura inmediata dun expediente ante a denuncia veciñal realizada pola colocación dunha torre anemométrica do Parque Eólico Coto do Carballal nunha localización ubicada entre os montes de Loureiro e Valongo sen o correspondente título habilitante de natureza urbanística sobre o solar no que se asenta.
Ante a posibilidade de que as obras de colocación desa torre anemométrica puideran non contar cos actos lexitimadores previsto na Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do Solo de Galicia o alcalde ordenou aos servizos técnicos municipais e á Secretaría que emitisen informe sobre se existe ou non o título habilitante esixido pola devandita normativa para a realización da actuación, así como sobre o seu alcance.
No informe que solicitou o alcalde de Cerdedo-Cotobade deberá incluirse o procedemento e a lexislación aplicable para levar a cabo a reposición da legalidade, no caso de que as actuacións se estean levando a cabo sen o correspondente título habilitante, ou contravindo as súas condicións.
"Nós aplicaremos sempre e con firmeza a legalidade ante calquera actuación que se produza", dixo Cubela. "Neste tema somos moi claros e determinantes. Ningún emporio enerxético ou empresa por grande que sexa vai estar por enriba da lei. Se non cumpren, actuaremos", deixou ben claro o alcalde de Cerdedo-Cotobade.
Pola súa banda o grupo municipal do Partido Socialista expresou a súa "preocupación" por este asunto e dixo que "Jorge Cubela, ou non se entera ou pecha os ollos ante as instalacións eólicas".
No pleno ordinario deste xoves a voceira socialista Lina Garrido na sua quenda de rogos e preguntas, preguntou se o concello tiña coñecemento da existencia destas torres anemométricas previas á instalación dun parque eólico e a resposta foi que "a torre anemométrica en Loureiro colocouse o venres e con data de hoxe iniciouse un expediente de investigación para esclarecer este asunto porque poida que a licenza municipal estea caducada". Ante esa resposta a agrupación socialista sostén que o alcalde "ou nos quere facer creer que non se entera ao dicir que a torre se colocou o venres cando xa leva moitos meses instalada ou este goberno municipal descoñece a situación e conta cun alcalde máis
ocupado botándose flores pola súa fusión que preocupándose dos problemas reais dos cerdedocotobadenses e recórdanlle ao alcalde que non pode estar caducado o que nunca existiu".
Os socialistas esíxenlle rigor ao rexedor municipal Jorge Cubela e demandan transparencia na información, a activación e funcionamento da comisión de seguimento dos parque eólicos "que foi un brindis ao sol xa que nunca funcionou", pero sobre todo reclaman "veracidade e compromiso".
Relacionadas:
-
Cubela aposta por incentivar a mobilización social contra o Parque Eólico Os Cotos
Por Redacción |
-
Os voceiros municipais respaldan unánimemente as alegacións municipais ao parque eólico Rula
Por Redacción |
-
A empresa promotora do parque eólico dos Cotos terá que presentar un novo proxecto
Por Redacción |
-
Unanimidade de todos os partidos en Cerdedo-Cotobade contra os parques eólicos Siroco e Tramontana
Por Redacción |