Unión dos comuneiros para que o "anel verde" de Pontevedra sexa máis rendible e sostible
Por Alejandro Espiño
Os comuneiros de Pontevedra queren que os seus montes sexan un modelo de ordenación "exemplar" e aposten por unha maior sustentabilidade e rendibilidade social, económica e ambiental. Reforzar o "anel verde" do municipio será unha prioridade para os próximos anos.
Así se recolle no convenio asinado entre o Concello de Pontevedra e a Mancomunidade de Montes de Pontevedra, que financiará con 80.000 euros en dous anos a elaboración de plans de ordenación forestal nos terreos de dez comunidades de montes.
Son as de Castro Lampán e O Salgueiral (Bora), Lérez, Lourizán, Ponte Sampaio, Salcedo, Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Tomeza e Verducido. O resto das comunidades de Pontevedra xa teñen redactados eses plans e sumaranse ao proxecto nunha segunda fase.
O presidente da mancomunidade, Iván Pérez, destacou que este convenio supón un "momento de alivio e satisfacción" para os comuneiros e supoñerá dar un "paso grande" na ordenación e certificación dos montes pontevedreses.
Estes plans, defendeu Pérez, abarcarán unhas 3.500 hectáreas de monte, un 25% da superficie total de Pontevedra, e permitirán afrontar unha mellor xestión destes terreos, reforzar a prevención ante os incendios, xerar emprego e optimizar os recursos.
Será unha ordenación "individualizada" para cada comunidade, pero ao traballar de maneira conxunta formarán parte dun "contexto xeneralizado" que permitirá respectar a "continuidade natural" dos montes que abarquen varias parroquias.
A filosofía destes plans, segundo destacou o presidente da mancomunidade, será que o monte de Pontevedra teña un maior uso "social e recreativo", se fagan barreiras naturais contra os incendios e se aposte por unha maior presenza de especies autóctonas que permitan diversificar o aproveitamento económico das plantacións.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, subliñou que estes plans permitirán que a riqueza que xeran a masa forestal do municipio "se multiplique" e os comuneiros poidan sacar unha maior rendibilidade aos montes.
Para iso, defendeu que hai que "poñer freo" á "proliferación esaxerada" do eucalipto e que esta especie pase a estar en plantacións "acoutadas" e que non estea "asilvestrado".
Este "anel verde", segundo o rexedor pontevedrés, permitirá ademais protexer a cidade e os núcleos habitados do rural dos posibles efectos dos incendios forestais.
Relacionadas:
-
A Mancomunidade de Montes de Pontevedra, disposta a demandar ao Concello pola cobranza indebida do IBI
Por Oskar Viéitez |
-
O 'anel verde' de Pontevedra recibirá unha inxección de 275.000 euros para manterse a punto
Por Redacción |
-
Premian a recuperación dos montes pontevedreses
Por Redacción |
-
Un proxecto no que participa a facultade de Forestais busca como dar máis valor ás masas arbóreas sen valor comercial
Por Redacción |