Detectan unha alta porcentaxe de vivendas de uso turístico sen regularizar
Por Redacción
A Asociación de vivendas turísticas de Galicia (Aviturga) detectou durante a última campaña de verán a presenza no mercado de alugueiro de vivendas de uso turístico dunha porcentaxe destacada de aloxamentos que non están dados de alta no Rexistro da Xunta e decidiu actuar para poñerlle fin a esta irregularidade.
Desta forma, en coordinación coa Axencia de Turismo de Galicia, puxo en marcha unha nova campaña de legalización.
Dentro desta campaña, na provincia de Pontevedra, Aviturga poñerá o foco en Sanxenxo, O Grove e a comarca do Morrazo.
Ademais, a asociación detectou tamén unha necesidade de asesoramento neste sentido nas vivendas situadas nos distintos roteiros xacobeos xa que a reactivación do Camiño tras a pandemia animou a moitos propietarios para ofrecer as súas vivendas como alternativa de aloxamento.
O primeiro paso que dan é a renovación da páxina web creada o pasado ano para facilitar a tramitación do alta dunha VUT, www.legaliciate.gal. A web é unha ferramenta que foi xa utilizada por moitos propietarios na primeira campaña de legalización desenvolvida pola asociación e que Aviturga chama a utilizar a todos aqueles que este ano decidiron apostar por esta modalidade de alugueiro temporal para as súas vivendas e a todos aqueles que aínda non rexistraron os seus aloxamentos
A maiores, Aviturga habilitou un servizo de atención telefónica permanente (633 771 551) para acompañar aos propietarios na tramitación do alta dunha vivenda.
Dulcinea Aguín, presidenta de Aviturga, insiste en que Galicia é un destino de calidade, que "ofrece confianza aos visitantes" e o primeiro co que é necesario cumprir é coa normativa autonómica. Avisa, ademais, que en caso de incumprimentos, as sancións que impoñerá a Xunta serán cuantiosas, que superan os 600 euros fronte a un gasto de legalización que non chega aos 60 euros.
"Non vale a pena correr ningún risco", opina Aguín, que tamén lembra que o problema da regularización de vivendas non é común a toda Galicia, senón que se centra principalmente nos destinos que concentran o maior número de VUTs e que, por tanto, lideran a oferta en cada provincia. En Pontevedra, Sanxenxo, O Grove e O Morrazo.
Relacionadas:
-
Sinalan ás 6.882 vivendas baleiras en Pontevedra como solución á falta de inmobles en alugueiro na cidade
Por Redacción |
-
O TSXG avala o criterio seguido en Pontevedra para limitar as vivendas turísticas
Por Alejandro Espiño |
-
Sanxenxo rexistrou en setembro o 11% das pernoitas rexistradas en Galicia
Por Redacción |
-
Sanxenxo sumou en agosto o 35% das pernoitas da provincia e o 15% de Galicia
Por Redacción |