A conta xeral do 2020 de Cerdedo-Cotobade deixa un remanente dun millón de euros
Por Redacción
A corporación municipal de Cerdedo-Cotobade aprobou por unanimidade a conta xeral do 2020 na que se reflicte unha estabilidade orzamentaria de 500.000 euros e un remanente de tesourería dun millón de euros así como unha "débeda cero" con entidades bancarias o que, segundo manifestou o alcalde Jorge Cubela "dá boa testemuña do equilibrio orzamentario e da sensatez na política económica que estamos impulsando desde o grupo de goberno".
Estes datos, segundo dixo o alcalde, "permítenos afrontar os novos retos que temos por diante sen hipotecas e sen condicionamentos económicos adversos que poidan limitar o noso desenvolvemento como pobo".
Por outra banda, outro dos temas de interese do pleno centrouse no debate dunha moción presentada polo BNG para a retirada da simboloxía falanxista do termo municipal.
Neste punto, o alcalde, en nome do PPdeG presentou unha moción de substitución para integrar todos aqueles elementos que garantizaban unha maior seguridade xurídica e adecuación á Lei de Memoria Histórica de todos aqueles elementos susceptibles de ser eliminados dentro dos parámetros avalados por historiadores y expertos na materia.
Tamén aproveitou o alcalde para introducir un punto no que se facía público o desexo de que "toda a corporación municipal manifestase o seu compromiso coa democracia, coa Constitución de 1978 e co Estado de Dereito condenando todo réxime que atente contra as liberdades fundamentais e os dereitos civís das persoas", que tamén foi aprobado polo nacionalista.
PACTO DE ALCALDÍAS POLO CLIMA
Noutra orde de cousas, a corporación do Concello de Cerdedo-Cotobade decidiu adherirse ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES) na procura de que o municipio emprenda melloras medioambientais para lograr unha redución do 40% do consumo enerxético e de emisións contaminantes para o ano 2030.
Jorge Cubela aproveitou tamén a celebración do pleno para anunciar a construción dunha senda peonil, a cargo da Xunta de Galicia, na estrada autonómica PO-233, na Xesteira, que favorecerá a comunicación peonil e mellorará substancialmente a seguridade vial na zona.
Tamén comunicou aos concelleiros presentes a inminente actuación na estrada que dá saída de Vilanova a Carballedo como xeito de seguir vertebrando o interior do concello ao tempo que se mellora a seguridade viaria.
NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO
Finalmente sinalar que, na xornada de hoxe, o Concello de Cerdedo-Cotobade conmemorou o 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, cunha concentración diante do Consistorio á que asistiron o alcalde, Jorge Cubela, varios concelleiros e traballadores municipais que reivindicaron coa súa presenza o rexeitamento da violencia de xénero.