25N | Ponte Caldelas invita á sociedade a "cortar" coas violencias machistas
Por Redacción
A cor morada loce nos edificios municipais de Ponte Caldelas polo día internacional pola eliminación da violencia contra a muller. Esta iluminación ornamental polo 25N pódese ver tanto na casa consistorial como na casa da cultura.
Esta foi unha das accións reivindicativas que forman parte da campaña impulsada desde o Concello para invitar á cidadanía a "cortar" con todo tipo de violencias machistas.
Así, elaboráronse pulseiras e chapas co lema "Corta coa violencia de xénero" que se poden recoller no edificio do Concello.
Ponte Caldelas mantén instaladas ademais dende o 25 de novembro de 2020 dúas sinais de "STOP á Violencia de Xénero ". A primeira delas está ubicada entre a Alameda e a Praza de España e a segunda no edificio do Concello.
O goberno municipal quere así concienciar a todos os veciños de Ponte Caldelas da problemática sobre esta lacra social, que cada ano acaba coa vida de moitas mulleres, destacando que "non é unha cuestión concreta do día 25 de novembro, senón que é unha cuestión coa que hai que loitar durante todo o ano".
Os actos con motivo do 25N continuarán mañá venres coa obra de teatro Puedes llorar los viernes, que terá lugar ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Ponte Caldelas.
O sábado tamén haberá unha andaina de 17 quilómetros na que a veciñanza camiñará pola violencia de xénero ata o Alto do Pé da Múa.