25N | Poio reclama "seguir avanzando" para erradicar as violencias machistas
Por Redacción
O día internacional pola eliminación da violencia contra a muller conmemorouse este 25N en Poio cun paro institucional, ás portas do consistorio, no que participaron membros da corporación, o persoal municipal e representantes de colectivos e asociacións da vila.
A responsable de Igualdade, Silvia Díaz, foi encargada de dar lectura a un manifesto no que reivindicou a necesidade de "seguir avanzando" para acadar a erradicación definitiva da violencia machista na nosa sociedade.
Na súa intervención, Díaz esixiu que todos os estamentos da sociedade se impliquen nesta loita e lembrou que desde 2003 máis dun milleiro de mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas.
Durante o acto houbo un minuto de silencio en memoria destas vítimas da violencia machista.
Ademais, tamén permaneceron expostos os paneis no que se exhiben os deseños e creacións artísticas realizadas nas últimas semanas polas asociacións do Consello Municipal da Muller, cuxa temática trata sobre os diferentes tipos de violencia que se detectan.
Estes traballos tamén serán expostos nunha mostra que se amosará ao público o vindeiro domingo 28 de novembro na Praza da Chousa de Combarro, tras a andaina Paso a Paso Libre de Violencia de Xénero, que partirá ás 10.30 horas do Bosque das Mulleres, en Lourido.
No vindeiro pleno ordinario, todos os grupos da corporación aprobarán unha moción conxunta reafirmando o seu compromiso na loita pola igualdade e instando ás institucións a que tamén impulsen máis ferramentas e doten de máis medios e recursos para acadar este obxectivo.