Alumnado do instituto de Poio ensina a persoas maiores a utilizar o móbil
Por Redacción
A Casa Rosada acolleu esta semana unha iniciativa moi especial, na que, durante unhas horas, un grupo de alumnos de segundo de Bacharelato do IES Poio exerceron de mestres coas persoas maiores anotadas no obradoiro 'Non hai móbil que se me resista'.
Esta actividade, organizada a través da Concellería de Benestar Social e Mocidade, impulsouse co obxectivo de axudar a pensionistas, xubilados e veciños da terceira idade a familiarizarse co uso dos dispositivos e 'smartphones' de nova xeración.
A concelleira delegada deste departamento, a socialista Rosa Fernández, agradeceu a implicación e o interese amosado por este grupo de mozos á hora de sumarse á iniciativa. "Amosaron a súa predisposición a ensinar aos e ás maiores os seus coñecementos na utilización deste tipo de dispositivos sen dubidalo nin un só intre", sinalou.
Deste xeito, o alumnado do IES procedeu a explicar ás persoas inscritas no obradoiro como realizar un uso axeitado dos teléfonos móbiles e das súas aplicacións. "Vivimos nun mundo no que as novas tecnoloxías están plenamente consolidadas, polo que entendemos que é importante que todos nos familiaricemos con elas e ninguén quede atrás, especialmente os nosos maiores", sinala a edil do Goberno local, que recoñece que "resultou unha gran experiencia ver como compartían coñecementos durante a sesión tantas persoas de diferentes xeracións".
En vista do éxito acadado, a Concellería de Benestar Social e Mocidade aposta por repetir esta experiencia no futuro. Rosa Fernández lembra que se trata dun curso gratuíto e que se leva a cabo en grupos reducidos. "Seguiremos contando co alumnado do IES, sempre e cando esta actividade non interfira nas súas obrigas e estudos", garante a concelleira do PSdeG-PSOE.