A Plataforma de Seixo descubre unha reunión "ás agochadas" do xerente da área sanitaria e a alcaldesa de Marín
Por Redacción
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 20 colectivos das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, vén de denunciar "a esperpéntica situación vivida este mércores no Centro de Saúde" despois de "descubrir unha reunión ás agochadas" do xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, e a alcaldesa de Marín María Ramallo no consultorio.
A Plataforma explica que nesa reunión estaban, ademais, o doutor Galiano, facultativo neste centro, e a doutora Novo, facultativa que cubre o cupo do facultativo xubilado 2 días á semana en Seixo durante a segunda quincena de novembro, e, tamén, Antonio Conde, "destacado militante do Partido Popular en Seixo".
Dende a Plataforma explican que "non fomos convocados á reunión polo tanto excluíron deliberadamente a veciñanza afectada que leva 4 meses pelexando por unha atención sanitaria digna". Así, sinalan que "é vergoñento que a administración faga reunións ás caladas, manobrando por detrás e que en vez de convocar a unha plataforma de 20 colectivos, que representa a centos de persoas, prefiran que asista un veciño da súa corda que só se representa a si mesmo".
Dende a Platafoma explican que "cando o xerente saíu da reunión, a portavoz da Plataforma que agardaba fóra preguntoulle, directamente e á vista da veciñanza, se ían deixar de enviar parches a Seixo e ían cubrir de xeito permanente a xubilación do doutor Martín. Tamén lle preguntou que ía pasar en decembro co parche que mandaran para a segunda quincena de novembro e lembróuselle que solicitamos unha reunión en agosto cando el estaba de vacacións para falar dos recortes, pero o xerente decidiu non contestar e escapar mentres a alcaldesa pechaba a porta e quedaba dentro da sala. No momento que saíu, preguntóuselle como anda dicindo que non se lle pediu reunión e cando teñen unha no Centro de Saúde non se nos convoca, pero á alcaldesa María Ramallo non lle interesou responder e decidiu escapar tamén".
Dende a Plataforma consideran que se o xerente tivese algún anuncio positivo para a veciñanza "xa o tería feito. Mais ben parece que viñeron vender parches sen pensar nas consecuencias que a súa nefasta xestión do persoal ten para a atención sanitaria da veciñanza".
Nese sentido lembran que "a finais deste mes cumpriranse catro meses e medio dende que a Xunta e a xerencia nos deixaron nesta situación. Cando fomos á manifestación de Santiago, xa anunciamos que, se isto non mudaba, seguiriamos coas protestas. Despois desta insultante actitude da administración e o concello, non imos tardar moito en volver á rúa porque a veciñanza esta farta de que se xogue co seu dereito á saúde".
Relacionadas:
-
Convocan para o 13 de febreiro unha nova protesta en Marín "por unha atención primaria digna"
Por Redacción |
-
Convocan unha nova manifestación pola sanidade pública diante do Centro de Saúde de Marín
Por Redacción |
-
Instalan pancartas para pedir o segundo médico a tempo completo no Centro de Saúde de Seixo
Por Redacción |
-
Ampla presenza de poboación de Pontevedra-O Salnés na marcha en defensa da Atención Primaria en Santiago
Por Redacción |
-
Unha médica prestará servizo mixto no Centro de Saúde de Marín e tamén en Seixo para cubrir a actual vacante
Por Redacción |
-
A plataforma en defensa do centro de saúde de Seixo seguirá protestando ata lograr unha atención médica de calidade
Por Redacción |