A Praza de Galicia amosa xa toda a información do sistema de bus urbano de Pontevedra
Por Redacción
Pontevedra completou o traballo de sinalización do seu sistema de transporte público urbano. Fíxoo coa instalación na parada da Praza de Galicia de toda a información sobre as dúas liñas circulares que percorren os diferentes puntos de interese da cidade.
Neste punto, que o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, definiu como a estación "máis céntrica e visible" de toda esta rede, o Concello instalou unha serie de paneis informativos de gran tamaño, que amosan os horarios, os prezos e os percorridos destas dúas liñas
"Fíxemos un esforzo especial tendo en conta a importancia desta parada", explicou o concelleiro, que desvelou que se investiron uns 7.000 euros nestes traballos de sinalización.
Contará ademais dun tratamento antigrafiti, de forma que no caso de que se produzan pintadas a súa limpeza sexa máis doada.
A partir deste momento, no que queda completada a sinalización do bus urbano, o Concello realizará unha "revisión a fondo" de todo o sistema de paradas por "se algunha cousa quedou atrás" e poder corrixir calquera deficiencia detectada.
Ademais, o goberno municipal dirixirase á Xunta de Galicia para tentar chegar a un acordo entre as dúas administracións para crear unha sinalización conxunta nas paradas que o bus urbano non utiliza na cidade, para que o sistema de información sexa "parecido".
O edil tamén explicou que xa recibiron diversas felicitacións por este sistema de información debido á dificultade que adoitan mostrar este tipo de traballos. A encargada deste deseño foi a empresa pontevedresa ERA Comunicación.
Relacionadas:
-
Os bonos mensuais do bus urbano, a metade de prezo ata final de ano
Por Alejandro Espiño |
-
O novo Bus Urbano de Pontevedra seguiu a medrar en uso e viaxeiros durante o mes de novembro
Por Redacción |
-
Demetrio Gómez asegura que "as novas liñas de autobús están a funcionar ben"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP propón cambios no "mal diseño" das liñas de autobús urbano en Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Trinta e sete fitos completan a sinalización do transporte urbano de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |